Silencio no PPdeG. Nin comunicado nin valoracións nas redes sociais como si fixeron outras forzas e líderes políticos galegos na noite do domingo. A debacle do Partido Popular en Catalunya, que volveu perder escanos e que apenas obtivo 4% dos votos, sendo superado por Ciudadanos e, nomeadamente por Vox, mantén o Partido Popular na Galiza calado.
Nestas eleccións catalás moitos ollos estaban, e están, sobre Pablo Casado. O salto do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feixoo, á xefatura estatal do PP depende dos resultados das eleccións catalás e dos erros de Pablo Casado, apuntaban estes días diversas fontes.
Casado sae debilitado dos comicios e iso favorece as posibilidades do presidente galego de saltar a Madrid. O presidente galego sabe que está diante da última oportunidade para conseguir a súa desexada candidatura á presidencia do Goberno do Estado.
O BNG parabenizou nun comunicado o pobo catalán polo resultado destas eleccións e pola organización das mesmas en plena pandemia e “nunha data obrigada pola xustiza española e en contra do criterio das e dos técnicos sanitarios e do Govern de Catalunya e que tivo unhas claras consecuencias na baixa participación”.
O nacionalismo galego parabeniza ERC, CUP e JxC “polos seus respectivos resultados electorais e por conseguir que o bloque soberanista volva gañar as eleccións en Catalunya e aumentar a súa representatividade ao pasar de 70 deputadas e deputados a 74 e superar o 50% dos votos”.
“O resultado saído das urnas esta noite en Catalunya é crucial para o futuro dese país, mais tamén é moi importante para o futuro do resto de nacións sen estado, como Galiza”, indica o BNG no comunicado, onde manifesta que “o pobo catalán demostrou máis unha vez, que a súa determinación cara a consecución do dereito de autodeterminación é firme e permanente”
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, felicitou Salvador Illa “polo gran resultado electoral dun PSC que gañou en Cataluña”.
“Cataluña volve, como di Salvador. Sen dúbida, a mellor opción para Cataluña e un respaldo tamén para o PSOE e o goberno de España”, escribiu nas redes sociais.
Caballero di estar “moi preocupado” polo ascenso de Vox, que dá “o sorpasso ao PP e a Cidadáns. O PP retrocede ata niveis inferiores ao 4% do voto e a competición entre dereita e extrema dereita acelérase. Mal asunto”.
Yolanda Díaz, ministra de Traballo, afirmou que os resultados “permiten abrir un novo horizonte en Catalunya” e “constituír un Goberno de esquerdas á altura do momento histórico”. Parabenizou a candidata de En Comú, Jessica Albiach, da que dixo que é o rostro “dun proxecto sólido, fraterno e con futuro”. Gómez-Reino, deputado de Unidos Podemos por Galiza, dixo, na súa conta de twitter, que “fronte ao ruído autoritario, Catalunya votou unha clara maioría plural e de esquerdas”.