O Eixo Atlántico insta a Xunta a discutir o plan de investimentos na Galiza e Norte de Portugal

Reclama a participación de concellos, empresarios, sindicatos e universidades no plan para Galiza e Norte de Portugal no que está implicada a Xunta. 
Reunión virtual da comisión executiva do Eixo Atlántico (cedida).
photo_camera Reunión virtual da comisión executiva do Eixo Atlántico (cedida).

A comisión executiva do Eixo Atlántico acordou esta sexta feira solicitar "con carácter de urxencia" ao presidente da Xunta, na súa condición de presidente da Comunidade de Traballo Galiza - Norte de Portugal, a convocatoria dun plenario do devandito órgano para discutir o plan de investimentos transfronteirizo que acordou elaborar coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N). 

O Eixo Atlántico reclama a participación de todos os sectores implicados na cooperación (concellos, empresarios, sindicatos e universidades) na preparación deste plan abordado entre Alberto Núñez Feixoo e o presidente da CCDR-N, Fernando Freire de Sousa.

Así mesmo, a comisión executiva acordou dirixirse aos primeiros ministros de España e de Portugal para instarlles a que os fondos que se reciban de Europa sexan maioritariamente investimento produtivo e non exclusivamente subsidios, que aínda que son necesarios neste momento para as situacións de emerxencia social, non deben xerar unha sociedade subsidiada senón unha sociedade que poida ser produtiva

Neste sentido, reclaman a participación dos concellos na programación e distribución dos devanditos fondos. Con especial atención aos "sectores produtivos do territorio", a "prioridades como as redes dixitais, cuxa importancia se está visualizando durante a pandemia e moi especialmente no medio rural"; e "ás infraestruturas para o desenvolvemento máis necesarias que nunca no ámbito das comunicacións marítimas e ferroviarias". 

Na reunión da comisión executiva participaron, entre outras, as alcadesas de Compostela, Lugo e Pontevedra, Xosé Sánchez Bugallo, Lara Méndez e Miguel Anxo Fernández Lores; así como o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

Comentarios