Eis as propostas do BNG para facilitar o acceso á vivenda de promoción pública

Ana Pontón criticou en Vigo a xestión da Xunta en materia de vivenda.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto coa deputada Alexandra Fernández e membros do grupo municipal do BNG de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto coa deputada Alexandra Fernández e membros do grupo municipal do BNG de Vigo. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, acusou a Xunta de "cargarse" a vivenda de promoción pública na Galiza, polo que pediu que se poñan en alugueiro os pisos baleiros que existen no país, que supoñen, segundo as súas cifras, 18% do total.

Así o sinalou esta quinta feira na cidade de Vigo, onde acudiu para presentar as propostas do BNG en materia de vivenda, despois de que se rexistrase unha subida dos alugueiros superior a 25%.

A dirixente criticou que o Goberno galego "priorizase os intereses das grandes construtoras en detrimento das familias". "Levamos 13 anos sen vivenda de promoción pública", lamentou Pontón, quen lembrou que o anterior plan de vivenda da Xunta (entre 2015 e 2020) recollía case 900 vivendas de promoción pública, "das cales só se executaron 40".

"É unha situación que deixa en evidencia até que punto a Xunta non traballa para que a xente teña unha vivenda nunhas condicións dignas e a uns prezos asumíbeis para uns salarios que sabemos que non son precisamente dos máis altos do Estado", reivindicou. Por todo iso, e a pesar de recoñecer que "o que non se fixo non se pode solucionar", puxo sobre a mesa as propostas de futuro dos nacionalistas para garantir o dereito das persoas a unha vivenda digna.

Medidas propostas polo BNG

Neste sentido, Pontón subliñou que unha das medidas que debería tomar a Xunta é aumentar as axudas para que a mocidade poida acceder a unha vivenda, ademais de aplicar o bono de alugueiro do Goberno galego a aqueles que comparten piso.

Así mesmo, solicitou a cesión á Galiza de todas as vivendas das que dispón a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) e a creación dun parque público de vivendas destinadas ao alugueiro.

Entre outras propostas, a portavoz nacional do BNG destacou a importancia de mobilizar a vivenda baleira dispoñíbel na autonomía, que é 18% do total, segundo os seus cálculos. Tamén lamentou a subida de tipos de interese do Banco Central Europeo, que encarecerá as hipotecas e que repercutirá nos petos das familias.

Comentarios