EH Bildu intégrase no grupo da Esquerda europea unida

Afirma nun comunicado que o seu obxectivo é tamén manter unha "relación prioritaria" coa Alianza Libre Europea (EFA). 

O eurodeputado da coligación Europa dos Pobos, Jon Juaristi, tomará parte no grupo parlamentar da Esquera europea unida - Esquerda verde nórdica (GUE/NGL, nas súas siglas en inglés). Así o confirmou nun comunicado de imprensa. Juaristi --que partillará escano coa europarlamentar do BNG, Ana Miranda-- integrarase no mesmo grupo que Syriza (Grecia), Sinn Fein (Irlanda), Die Linke (Alemaña) ou Podemos e Izquierda Unida (Estado español). 

Aliás, explicou, manterá unha "relación prioritaria" coa Alianza Libre Europea (EFA), asociación de partidos que pula polo dereito de autodeterminación das nacións e no que se integraron con anterioridade dous dos grupos que actualmente integran a coligación EH Bildu (Eusko Alkartasuna e Aralar). 

Fontes do BNG consultadas confirmaron que a eurodeputada Ana Miranda se integrará na ALE-Os Verdes

Neste senso, Juaristi indicou que o seu obxectivo para este período será traballar na construción de "liñas de colaboración" entre ambos os dous grupos á fin de "impulsar de maneira máis efectiva", dixo, os obxectivos que o levaron a se candidatar ás eleccións europeas. Isto é, "aumentar a implicación europea no proceso basco, o recoñecemento do dereito a decidir en Euskal Herria e sumar forzas en favor dun novo modelo socio-económico diametralmente oposto ás políticas da Troika". 

Fontes consultadas por Sermos Galiza, aseguraron que o BNG pasará a tomar parte no grupo da Alianza Libre Europea-Os Verdes, onde tradicionalmente se integrou, durante os 18 meses que lle corresponderá o escano no Parlamento. 

Comentarios