Bildu rexeita a eólica mariña e cre que as enerxéticas vascas deben centrarse na Galiza

A formación soberanista vasca considera que a eólica mariña aínda precisa de estudos previos para "ver se entra no rango de rendibilidade" antes de se desenvolver.
Á esquerda, un parque eólico mariño en Dinamarca; á dereita, o deputado de EH Bildu no Parlamento vasco Mikel Otero. (Fotos: Nós Diario | Europa Press)
photo_camera Á esquerda, un parque eólico mariño en Dinamarca; á dereita, o deputado de EH Bildu no Parlamento vasco Mikel Otero. (Fotos: Nós Diario | Europa Press)

Non é ningún segredo que EH Bildu quere ter o menor número posíbel de instalacións de enerxías renovábeis no seu territorio, toda vez que a formación defende tamén o camiño de Euskadi cara á autosuficiencia enerxética e a imperiosa necesidade de potenciar as fontes 'verdes' nun contexto enerxético cada vez máis complexo.

Esta dicotomía que se vive nos municipios do rural vasco é moi semellante á que se está a producir na Galiza. De feito, os parecidos van máis aló: do mesmo modo que no surleste galego, a compañía norueguesa Statkraft puxo tamén os ollos en territorio vasco e tramita hoxe diferentes proxectos. Un deles, o de Piaspe, provoca división de opinións no seo de Bildu, que goberna os municipios afectados, Azpeitia e Zestoa.

O que si semella ter claro a forza nacionalista, porén, é que non quere muíños nas súas augas. Na Estratexia enerxética para unha transformación ecosocial en Euskal Herria presentada o pasado novembro, Bildu sostén que o potencial da eólica mariña neste territorio é "máis difícil" de concretar, dado que "o seu insuficiente desenvolvemento tecnolóxico fai difícil saber se poderemos contar con esta tecnoloxía de maneira viábel en breve".

Se ben o documento afonda en diferentes propostas para a eólica terrestre que pasarían por repotenciar instalacións existentes, construír novas a pequena e mediana escala e mesmo outras de "certa envergadura" para alcanzar os seus obxectivos, máis nada apunta sobre os aeroxeradores no mar a curto prazo, xa que empraza a dispor de máis datos sobre a viabilidade nun futuro.

E cal é entón a súa proposta en relación co desenvolvemento da eólica mariña? Segundo vén de sinalar o deputado de EH Bildu no Parlamento vasco Mikel Otero, nunha entrevista concedida a Crónica Vasca, "non hai aínda unha data aproximada de cando podería entrar en rango de mercado".

"Ti podes pór agora un proxecto piloto, pero xa veremos, porque as conclusións diso poden ser que isto ten un certo potencial pero que non entra en condicións de mercado", prosegue Otero, que conclúe que "é moito mellor que as empresas vascas se preocupen de facer eólica flotante na Galiza", referíndose a que "o ar vén de oeste a leste e a costa atlántica é poderosa, pero segundo vai entrando no Cantábrico perde forza". "E logo está a cuestión da altura significante da onda, que tamén xera algúns problemas de flotabilidade", engade.

"Insistimos en que a eólica mariña hai que seguila impulsando mesmo publicamente en desenvolvemento de I+D, etc. Se entra en rangos pois xa revisaremos e modificaremos a nosa estratexia, porque se cadra podemos permitirnos facer algunhas menos centrais solares, menos eólica...", conclúe o parlamentario.

As augas galegas, albo de case a metade dos XW do Estado

Actualmente o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) está a tramitar nove proxectos de eólica mariña na Galiza que sumarían unha potencia instalada de 5.835 megawatts (MW), incluíndo o que se deu a coñecer esta terza feira, o parque Ventus. En augas vascas, porén, unicamente consta unha iniciativa de Itsas Wind S.L., denominada Geroa, fronte á costa de Armintza (Bizkaia) e cunha potencia de 45 MW.

Comentarios