DíA DA PATRIA GALEGA

BNG, EH Bildu e CUP asinan a Declaración de Bonaval pola ruptura co réxime do '78

As tres organizacións subscribiron un documento que aposta na solidariedade internacionalista a prol da "soberanía plena" das nacións sen estado.

Declaración de Bonaval
photo_camera [Imaxes O.R]

Esta sexta feira (24 de xullo) véspera do Día da Patria Galega representantes de EH Bildu, a CUP e BNG asinaron a Declaración de Bonaval, un documento no que as tres organizacións --como expresión política das nacións sen estado-- se comprometen a estabelecer "sinerxias que permitan avanzar no obxectivo común de ruptura co modelo de estado consagrado pola Constitución do 1978".

Maite Ubiria (EH Bildu), Roger Castellanos (CUP) e Xavier Vence (BNG) subscribiron este documento no Panteón de Galegos Ilustres de Compostela, acarón das sepulturas que gardan os restos de Rosalía e Castelao. O acto, que foi conducido por Sabela Bará, representante da organización xuvenil Galiza Nova, contou coa presenza de numerosos cargos institucionais da organización frontista e integrantes da Executiva do Bloque. 

O texto asinado sitúa o "modelo territorial e político imposto no Estado español" e o proceso de construción europea como "expoñentes de vulneración, cando non de agresión aberta" dos "dereitos da cidadanía" e da "soberanía dos pobos". 

Aliás, critica a "operación de branqueamento do réxime franquista" que supuxo a Transición española e a instauración da "monarquía" da man da "Constitución do 1978". 

Camiños propios 

Neste senso, sinalan, "desde o respecto a realidades nacionais distintas" sitúan a "superación" do modelo territorial e socio-económico español como o camiño a seguir cara á construción dunha "verdadeira democracia" que pasa pola construción, acrecentan, dun "futuro de xustiza social, igualdade e benestar" sustentado no "principio de soberanía nacional". 

"Cada pobo debe dotarse dos instrumentos precisos para levar avante o seu proceso de autodeterminación" sendo a "auto-organización" o vieiro "imprescindíbel" cara á "ruptura co estado que nos oprime". 

A Declaración de Bonaval compromete a BNG, EH Bildu e CUP a "estreitar as relacións" entre os seus respectivos pobos promovendo o "intercambio de experiencias" e o estabelecemento de "sinerxias que permitan avanzar no obxectivo común de ruptura co modelo de estado consagrado pola Constitución do 1978". Asemade, sinalan, apoiaranse "mutuamente perante os ataques que procuren impedir o avance de cada unha das nosas nacións no camiño da plena soberanía", así como defenderán "o dereito de todos os pobos do mundo a decidir o seu propio futuro sen inxerencias externas". 

Procesos constituíntes non supeditados

En senllas intervencións posteriores á rubricación do documento as tres formacións defenderon a abertura de "procesos constituíntes propios" non submetidos a ningún outro que pasan, enfatizaron, pola "liberación nacional e social" das respectivas nacións sen estado. "Dúas loitas indisociábeis", subliñou Roger Castellanos (CUP) para "rachar coas cadeas do Estado español", acrecentou Maite Ubiria (EH Bildu). 

Vence: "Esta sinatura é un paso adiante para desde a colaboración conseguir avances importantes na ruptura con este modelo institucional" 

Ambas as dúas organizacións (CUP e EH Bildu) agradeceron o convite lanzado polo Bloque Nacionalista Galego e amosáronse "honrados" de poder asinar a Declaración de Bonaval "á sombra de Rosalía e Castelao" nun intre, segundo definiu Xavier Vence, en que "as aspiracións" independentistas "pasan por un momento crítico" mais tamén "chave". 

A "crise institucional" que atinxe o Estado español "construído pola Constitución de 1978" vese agravada pola "crise do actual sistema socio-económico". Neste senso, Vence asegurou que a sinatura deste documento, que fica aberto á adhesión de máis "organizacións nacionalistas e independentistas", explicou, supón "un paso adiante para desde a colaboración conseguir avances importantes" na liberación nacional. 

"O futuro depende de cada un de nós", enfatizou o voceiro nacional do Bloque. E é que as tres organizacións amosáronse críticas con aqueles movementos políticos xurdidos nos últimos anos que, como "cantos de serea" --dixo Castellanos-- "falan de reformar un Estado español irreformábel".

Comentarios