PERFIL DE LUÍS VILLARES (En Marea) | Eleccións galegas 2016

O efecto Carmena en Galiza

Profundamos na biografía do aspirante de En Marea á presidencia da Xunta, continuando a serie de perfís dos e das principais cabezas de lista para as eleccións do 25-S.

villares
photo_camera Luís Villares, candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galiza

Un xuíz de prestixio, de orientación progresista e con capacidade de tecer consensos en confluencias convulsas. Os paralelismos entre Luís Villares, candidato á presidencia da Xunta por En Marea, e a actual alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena (Ahora Madrid), son claros malia as distancias. A elección de Villares tenciona traer a Galiza o efecto Carmena, que logrou alargar a penetración electoral da candidatura madrileña liderada por Podemos –como sucede tamén con En Marea–, para alén das faixas máis próximas ideoloxicamente.

Salienta o compromiso de Villares coa lingua galega e os dereitos sociais

Villares (1978) licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela para logo exercer como xuíz de carreira desde o ano 2005. O seu exercicio xudicial pasou pola Fonsagrada, a sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional española, no Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco ou nos xulgados de Lugo. O seu último destino, antes de abandonar a toga para vestir o uniforme de candidato, foi o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. É voceiro en Galiza da asociación estatal Xuíces pola Democracia

De trato afábel e próximo, quen o coñece destaca del o seu compromiso e disposición a colaborar. Un compromiso que salienta na defensa da lingua galega e dos dereitos sociais. En troca, hai quen sinala que tras o sorriso magnético e a ironía entrevese moitas veces un certo personalismo e unha tendencia ao elitismo intelectual. Defectos que imputan á deformación profesional do maxistrado.

De “tapado” de consenso a candidato

Villares foi elixido candidato á presidencia da Xunta de Galiza por En Marea nunhas primarias ás que só concorreu el. De feito, o seu nome ficou sempre á marxe da lea interna entre Podemos e Anova a respeito da fórmula de concorrencia. Unhas tensións resoltas a distancia polo secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, a través dun chío no que puña fin á intención de Podemos Galiza de non renunciar á súa marca na papeleta do 25S. 

O seu nome soou para ser candidato pola confluencia galega con Podemos moitos meses antes da súa elección

A opción Villares soou moitos meses antes. Xa en abril era público e notorio que o lucense era o perfil con maiores opcións de encabezar a confluencia ampliada a partir da Alternativa Galega de Esquerdas (Anova – EU). A súa fichaxe foi promovida polo propio Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e nela tivo un papel activo o ex deputado nacionalista Carlos Aymerich. Mais o paso de “tapado” a candidato só foi posíbel grazas a que Villares goza de simpatías en todas as faccións aglutinadas na Marea, e de maneira singular a do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.

Outrora próximo ao nacionalismo, ao que estivo ligado de maneira informal durante a etapa estudantil, Villares debrúzase na carreira electoral cun discurso fortemente autonomista. Contrario a alargar un marco competencial que considera xa suficiente e inda por desenvolver, o candidato de En Marea sorprendeu ao facer unha defensa radical do teito constitucional fechando ás portas a calquera avanzo substancial no plano soberanista.

Comentarios