Educación gaba "os resultados" do decreto de plurilingüismo

O BNG cualifica de "negacionista" a postura do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre o retroceso e perda de falantes do galego na mocidade.
 
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, gabou o decreto de plurilingüísmo (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, gabou o decreto de plurilingüísmo (Foto: Xunta da Galiza)

De "negacionismo" cualificou o BNG a postura do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre o retroceso e perda de falantes do galego na mocidade.

Un de cada catro menores de 15 anos declara non saber falar galego e máis de 50% das e dos estudantes de Secundaria declara non sentirse cómodo á hora de expresarse na lingua propia, segundo informes da Real Academia Galega (RAG) que este 24 de novembro puxo sobre a mesa o parlamentario do BNG, Manuel Lourenzo, nunha interpelación na Cámara ao conselleiro de Educación. 

Na réplica, Román Rodríguez gabou o decreto de plurilingüismo da Xunta -o coñecido como o decretazo antigalego nas aulas- aludindo a informes do programa internacional PISA. Segundo estes estudos, dixo, "somos a comunidade bilingüe onde se falan dúas linguas oficiais con mais facilidade" e o alumnado galego é o "mais competente en dúas linguas oficiais". 

"Unha barbaridade impropia"

O deputado do BNG Manuel Lourenzo afirmou que extrapolar datos do informe PISA referidos a un exercicio de comprensión lectora a valores sociolingüísticos é "unha barbaridade impropia dun conselleiro de Educación". 

O nacionalista lembrou que o galego é a única lingua do Estado que perde falantes e criticou que a Xunta cambiara a metodoloxía empregada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) “manipulando o dato de falantes habituais e evitando dicir que a xente que fala máis galego que castelán cae 5 puntos, mentres que as persoas que falan só castelán sobe 4%".

Manuel Lourenzo concluíu exixindo un novo marco normativo para o galego, como avalan os informes de órganos galegos e internacionais que citou como a Unesco, a RAG ou o Consello de Europa. 

Nese sentido, apelou o conselleiro “a sentar e falar” cos axentes sociais en base aos criterios que están estabelecendo todas estas institucións, "porque se en algo coinciden todas elas é en que este decreto da vergoña debe ser derrogado porque é tremendamente lesivo para o futuro da lingua galega”.

"Vostede ten dúas opcións: dicir que a representatividade neste país a ten a maioría dun PP alienado e alineado coas posturas de Vox e a ultradereita, ou pensar que neste país a RAG, o Consello da Cultura Galega ou o Instituto da Lingua Galega teñen algo que dicir” no ámbito lingüístico", aseverou Lourenzo.  

Comentarios