Os edís expulsados de Democracia Ourensá por Jácome exixen a nulidade desa asemblea

María del Mar Fernández Dibuja, Maite Rodríguez e Miguel Caride solicitaron a suspensión cautelar dos resultados da asemblea na que se tomou a decisión. Fixérono hoxe no xulgado de Primeira Instancia de Ourense.

O edil crítico de Democracia Ourensá Miguel Caride. (Foto: Europa Press)
photo_camera O edil crítico de Democracia Ourensá Miguel Caride. (Foto: Europa Press)

Tres dos catro concelleiros de Ourense expulsados de Democracia Ourensá, María del Mar Fernández Dibuja, Maite Rodríguez e Miguel Caride, presentaron esta cuarta feira unha petición de nulidade da asemblea na que se decidiu a súa expulsión do partido.

Esa saída á forza da formación política derivou dunha denuncia contra o aínda alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, polas dúbidas sobre a xestión dos fondos do partido. No entanto, agora queren que o xulgado de Primeira Instancia de Ourense declare invalida a reunión e, en consecuencia, o seu contido.

No fondo, o que veñen a pedir as edís é que se revise a súa expulsión do Goberno municipal, outra das decisións que tomou Pérez Jácome antes as críticas.

A partir de aí conformou un Executivo de tres, pois o PP tamén quebrou o pacto e a inestabilidade é agora a norma na terceira cidade con maior poboación da Galiza.

Rodríguez, Dibuja e Caride (que perdeu o seu posto de vicepresidente na Deputación) foron “declarados tránsfugas” xunto con outro compañeiro. Un quinto marchara antes pola situación. O rexedor aludiu á “alta traizón” contra a súa persoa para deixar sen competencias, asignacións económicas e quendas de palabra aos seus ex compañeiros.

Asesoría de "tránsfugas"

A expulsión oficializouse nunha asemblea que os críticos consideraron “ilegal”. Por iso hoxe formalizaron no xulgado a petición de nulidade e a suspensión dos acordos acadados “mentres non haxa sentenza”.

Caride estima que o auto pode alongarse entre un ano e ano e medio, polo que aínda que se desestime a demanda xa tería acabado o mandato.

Pola súa banda, Pérez Jácome demandou ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, que explique por que “un asesor da Deputación traballa á vez como asesor dos non adscritos no Concello de Ourense”. Esa persoa foi designada por Caride, ao que o rexedor volveu a calificar de "tránsfuga", mentres tiña un cargo na institución provincial.

Comentarios