Os edís críticos piden expulsar Jácome de Democracia Ourensá

Ou o alcalde Gonzalo Pérez Jácome renuncia ou moción de censura, di o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Baltar
Jácome e Baltar, nunha imaxe de arquivo, antes de se enfrontaren.
photo_camera Jácome e Baltar, nunha imaxe de arquivo, antes de se enfrontaren (Imaxe: Europa Press)

A tormenta política continúa mergullando o Concello de Ourense nunha fonda crise. O último golpe ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome veu esta segunda feira, 21 de setembro, dos edís críticos do seu propio partido (que son maioritarios) ao pediren a expulsión do rexedor do grupo municipal de Democracia Ourensá.

Os argumentos en que basean tal decisión son "a inadecuada, exclusiva e opaca xestión das doazóns económicas do Concello ao grupo municipal, a exixencia de 'doazóns' ao persoal eventual contratado polo Concello e adscrito ao grupo municipal [asesores] e á decisión unilateral de romper o pacto de Goberno subscrito co Partido Popular e retirar competencias a dous concelleiros dese grupo". 

O acordo de expulsión foi acordado e comunicouse tanto a Jácome como ao secretario do pleno do Concello. 
O vicepresidente de Democracia Ourensá e edil crítico co rexedor, Manuel Álvarez Fernández, sinalou que calquera partido democrático tería discutido nos seus órganos colexiados todas as decisións que afectasen a formación política e o Goberno municipal, mais afirmou que iso non acontece con Jácome, que actúa con unilateralidade, mando absolutista e negando calquera opinión que non vaia de acordo cos seus intereses persoais.

Baltar baralla a moción

O presidente da Deputación de Ourense e barón do PP, Manuel Baltar, advertiu que, ante a crise institucional que vive o Concello, hai "só dúas posibilidades: que renuncie o alcalde ou que se provea a súa substitución mediante un mecanismo democrático que é a moción de censura".

Así o trasladou, en declaracións aos medios en Santiago, após acudir á toma de posesión dos delegados territoriais da Xunta, e do secretario  xeral de Emigración, o ourensán Antonio Rodríguez Miranda.

Baltar lembrou que o PP de Ourense ten un grupo no Consistorio que adoptou "de forma unánime" a decisión de "suspender temporalmente" o pacto con Democracia Ourensá e agora estase á espera de ver "como evolucionan os acontecementos nas próximas horas".

"Todos saben que houbo un pleno no que 24 dos 27 edís que conforman a corporación pediron a dimisión do alcalde. Del depende dimitir ou non, non parece que vaia facelo, pero hai que deixar pasar uns días para que os grupos municipais estabelezan as conversacións necesarias", apostilou. Unha iniciativa que xa propuxo o BNG a semana pasada como saída urxente ao concello, deixando que goberne a lista máis votada (PSdeG).

Baltar, que xa se gañou para si a maioría de DO, descarta que perigue o seu posto na deputación. "Falei cos deputados e co portavoz de DO e garantiume que se mantiña o pacto", dixo.

Desgoberno en pandemia

O BNG denunciou que a situación de "caos e desgoberno do concello en pleno avance da Covid-19 pon en risco a saúde da veciñanza e a das traballadoras e traballadores do propio Concello".

A formación nacionalista,  preocupada pola evolución da pandemia, urxiu o alcalde a convocar os voceiros do resto de grupos para abordar a situación, coñecer as medidas adoptadas e constituír unha comisión de seguimento real e efectiva coa participación dos grupos da oposición.

O Bloque tamén denunciou "a opacidade do Goberno local" en relación á pandemia, e reprochoulle que non informe de se está adoptando algún tipo de medida excepcional nalgún dos servizos que presta.

Comentarios