Edís de Compostela inhabilitad@s piden a baixa do Partido Popular

María Castelao, Luís García Bello e Amelia González abandonan de maneira voluntaria o partido após seren condenad@s a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación. Unha concentración cidadá clamará esta quinta feira pola demisión do alcalde, Ángel Currás.

Xunta de goberno Compostela
photo_camera Xunta de goberno de Compostela acusada de prevaricación [Imaxe: EFE]

A que fora responsábel da área de servizos sociais, María Catelao, Luís García Bello, concelleiro de Seguridade e Mobilidade e Amelia González, responsábel de Interior e Persoal, solicitaron xa a súa baixa voluntaria do partido.

Así o recolle a axencia de noticias EuropaPress a quen fontes do PP confirmaron a recepción da solicitude. As baixas de militancia producíronse após a condena que inhabilita a 7 edís da equipa municipal como representantes públicos durante 9 anos. Unha sentenza xudicial que se produciu ao fio dun delito de prevaricación cometido polo goberno encabezado por Ángel Currás.

As baixas prodúcense por decisión propia

Embora os estatutos do Partido Popular non contemplen máis que a abertura dun expediente disciplinario até se coñecer o contido dunha sentenza firme --esta é aínda recorríbel-- estas tres persoas solicitaron xa a súa saída. Unha decisión que poderían ter adoptado por mor da actitude do alcalde e do propio partido que @s obrigou a presentar a súa demisión "por imperativo legal" como indicaron en comparecencia de imprensa na segunda feira (2 de xuño).

As disensións no seo do PPdeG non se circunscriben unicamente @s concelleir@s demitid@s senón que se cernerían tamén arredor da propia figura de Ángel Currás. Segundo as informacións publicadas por diversos medios de comunicación o rexedor compostelán estaría a ser presionado para presentar a súa demisión, habida conta da súa calidade de imputado na Operación Pokémon e da situación de ingobernabilidade en que se atopa a capital da Galiza. Porén, Currás advertiu que permanecerá ao mando do consistorio e mesmo comezou a recompilar nomes para comezar a substitución d@s 9 edís que lle faltan agora á cidade.

Unha concentración na Praza do Toural esta quinta feira ás 20.15h exixirá a demisión do alcalde

Neste senso, a imprensa fala xa de Néstor Valcárcel, ex-secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública e de María Baleato --actualmente xefa de servizo na Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local, como algúns dos edís que pasarán a conformar parte da equipa como non eleit@s.

A insólita situación que vive Compostela desde esta segunda feira estase a facer notar tamén nas rúas da cidade. Por esta razón un grupo de persoas convocan para esta quinta feira (5 de xuño) unha concentración cidadá ás 20.15 na Praza do Toural. A convocatoria foi lanzada pola Acampada SQC e o movemento Santiago de Corruptela.

Comentarios