Análise

Economía e sanidade marcan a axenda política

As prioridades da cidadanía están claras e, en consecuencia, o está por onde deben camiñar as Administracións. Por exemplo, o reforzo da sanidade é urxente.
Mobilización en Compostela en 2019 en defensa da Atención Primaria. (Foto: Europa Press).
photo_camera Mobilización en Compostela en 2019 en defensa da Atención Primaria. (Foto: Europa Press)

As prioridades da cidadanía ofrecen poucas dúbidas. Os diversos estudos sociolóxicos coñecidos nos últimos meses sitúan a economía e a sanidade como as principais preocupacións da sociedade galega. Neste sentido, as sondaxes destacan a incerteza diante da xestión da crise económica e o malestar social pola situación da Atención Primaria, fechada aínda a amplas capas da poboación. Queiran ou non, as forzas políticas deberán enfrontar estas problemáticas nunha realidade máis polarizada, onde a dinámica social marcará a axenda institucional.

A suba do prezo da luz é un problema engadido á crítica situación económica que arrastra a Galiza na última década. A un lado, a alza da electricidade golpea os custos de explotación de negocios, granxas ou empresas, cuestionando a viabilidade dalgunhas destas e avanzando unha nova vaga de fechamentos na liña do sucedido nos últimos 10 anos. Por outra banda, o incremento do recibo da luz deteriora o poder adquisitivo dos galegos, que xa viron en 2020 como os seus salarios caeron o dobre que nos Estados da Unión Europea e comprobaron no primeiro semestre deste ano como os prezos duplicaron as retribucións do traballo. As protestas convocadas pola CIG para o 19 de setembro contra a “estafa da luz” van ser o primeiro termómetro para medir a temperatura social nesta materia. 

A denominada reactivación está chamada a ser a palabra máis repetida no vindeiro período de sesións. É asociada de maneira insistente ao programa comunitario Next Generation, unha estratexia moi pouco transparente e con moitos aspectos por aclarar.

Á marxe dos custos sociais en forma de recortes aos que está asociado e do seu escaso impacto para a actividade das pemes, segue sen concretarse a contía dos fondos que o Estado vai transferir á Galiza, a capacidade da Xunta na súa xestión e os seus resultados na dinamización económica, alén de engordar a conta de resultados das grandes corporacións.

O reforzo da sanidade é urxente. O propio Goberno galego recoñece o malestar social diante da súa decisión de manter fechados os centros de saúde a amplas capas da poboación e teme un estoupido social ás portas das eleccións locais. A esta situación contribúe a falla de compromiso investidor da Xunta, até o punto de situarse Galiza á cola do Estado en gasto en Atención Primaria, reducindo as políticas de recortes a mínimos os cadros de persoal da sanidade pública. As diversas protestas vividas nos últimos meses en distintas localidades pola situación dos servizos de saúde e o anuncio da Consellaría da Sanidade de continuar coas exclusións nos centros sanitarios adiantan un outono quente, mesmo con mobilizacións de ámbito nacional. 

Alberto Núñez Feixoo aspira a facer do novo período de sesións unha segunda parte do anterior. O seu principal programa político é culpar o Executivo do Estado da totalidade dos problemas da sociedade galega e facer oposición ás políticas de Madrid por consideralas responsábeis de todo o negativo que acontece na Galiza.

Porén, debe explicar por que no conxunto dos indicadores que dan conta dos niveis de benestar e de calidade dos servizos públicos o país presenta uns datos peores que a media estatal, situándose en moitos casos nos postos de cola. A maiores, ten que aclarar as causas do aumento desta fenda desde a súa chegada ao Goberno galego e os motivos dun acelerado deterioro da sanidade ou da educación desde a súa elección como presidente da Xunta. 

Comentarios