O duplo xogo do PP en campaña: entre o perfil baixo e o ataque aos "tolos nacionalistas"

Os estrategas do PP están a deseñar unha campaña de perfil baixo para desincentivar o voto o 25-M. Son conscientes de que, dado o desgaste do goberno Rajoy, unha alta participación lastraría as súas hipóteses. En todo caso, o seu argumentario será o de se enfundar na camisola roja y gualda.

pp 1
photo_camera Esteban González Pons

A alta abstención favorece as espectativas de vitoria do Partido Popular. Dito doutro xeito: se o voto no Estado español fose obrigatorio como noutros Estados, o PP non tería nengunha posibilidade de ser a forza máis votada. A formación conservadora só pode gañar o 25-M se máis do 50 por cento do eleitorado fica na casa e os dereitistas conseguen persuadir o sector máis fiel da súa freguesía de que se mobilice e deposite na urna a papeleta de Arias Cañete.

O PP deu instrucións aos seus pións nos medios de comunicación privados e públicos sobre os que exercen control (a imensa maioría dos existentes no Estado e na Galiza) para que non quenten en exceso a campaña e para que esta sexa o máis plana posíbel. Nesa lóxica hai que interpretar a presenza de Mariano Rajoy na SER a pouco máis de 48 horas de se abrir a carreira eleitoral. Nos tempos de confronto máis duro cos meios próximos ao PSOE, Aznar negábase a ir aos estudos da Gran Vía. Esta terza feira, en troca, Rajoy concedeu unha entrevista a Pepa Bueno e esforzouse en oferecer a sua face máis moderada, para non irritar o eleitorado non afecto ao PP.

O PP deu instrucións aos seus pións nos medios de comunicación sobre os que exerce control (a imensa maioría dos existentes no Estado e na Galiza) para que non quenten a campaña

Como informou Sermos Galiza este pasado domingo, o PP podería gañar as eleccións obtendo o voto de 1 de cada 6 eleitores potenciales, tendo en conta a eventual abstención que inquéritos como o de La Voz de Galicia cifraban arredor do 60 por cento no noso país. O asunto para o PP é, portanto, que vaia votar o núcleo duro dos seus e que o resto non teña moitas razóns para se mobilizar.

Discurso españolista

Como mobilizar o núcleo duro do partido? Basicamente apelando ao discurso máis españolista. "O que mobiliza é España, non Europa". Esta frase, segundo puido saber a SER, pronunciouna esta terza feira, nunha reunión no Congreso co grupo parlamentar popular, o número 2 dos conservadores a Europa, Esteban González Pons.

"O que mobiliza é España, non Europa" (Esteban González Pons)

Pons chamou a rebato para que o PP poña freo ao proceso soberanista en Catalunya, un proceso que, dixo, impulsan uns "tolos nacionalistas".

O PP oferecerase, pois, como o garante da unidade do Estado face os soberanistas e, paralelamente, como a única garantía de recuperación da economía, para o cal non dubidará, como xa fixo esta terza feira, en torcer o sentido real das estatísticas sobre o desemprego (desacreditando a EPA, que é o único baremo para medir o paro que recoñecen os organismos internacionais, desde a OIT até a UE).

Comentarios