Dupla linguaxe do PP: non ás quitas na Galiza, si ás quitas en Madrid

A deputada popular Matilde Asian acusou de "redundante" a Proposición presentada polo BNG e asegurou que o Decreto 6/2013 polo que se aprobou a quita ás persoas estafadas pola fraude das preferentes "xa ten por obxecto devolver integramente os seus aforros" a aquelas que non foron debidamente informadas 

Non é a primeira vez que acontece e menos en relación co calote das preferentes. E o certo é que o portavoz do Bloque no Parlamento, Francisco Jorquera, xa advertía esta mañá o que finalmente aconteceu. 

O grupo maioritario no Congreso español rexeitou modificar a lei 9/2012 sobre reestruturación e resolución de entidades de crédito que previamente apoiara no Parlamento de Galiza. A proposición de lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego fora previamente apoiada polo grupo popular na Galiza. O PP mantén así unha dupla linguaxe. 

O PP asegura que a Proposición de lei do BNG é "redundante" 

Madrid deixa sen efecto o acordo adoptado de maneira unánime na Galiza. Decisión á que apelaron diversas formacións con representación parlamentar que lanzaron un chamamento de "coherencia" ás bancadas populares para que en aras de "rectificaren" a súa actitude --asegurou o deputado socialista Antonio Hurtado-- perante unha "arbitraxe dirixida" que foi empregada como estratexia electoral e non está a dar unha solución "real, universal e definiciva" para os milleiros de persoas estafadas, salientou Joan Concubiela pola Izquierda Plural. 

O PP rexeita en Madrid revogar a quita após votar a favor na Galiza

A deputada do PP, Matilde Asian, acusou ás deputadas nacionalistas de presentaren unha Proposición de lei "redundante" cuxas disposicións, dixo, xa aparecen recollidas polo "ordenamento xurídico español" e ten por obxecto, manifestou, "devolver integramente os seus aforros" ás estafad@s que non foron debidamente informadas da venda de produtos de alto risco. 

Afectad@s pola estafa das preferentes apuparon @s deputad@s do PP ao berro de "Mans arriba, isto é un atraco"

Embora as plataformas de afectad@s polo calote das preferentes denuncian que a quita se aplicará, sen excepción, a todas as persoas prexudicadas pola estafa, a deputada popular asegurou que "aqueles investidores que sexan detectados como aforradores" non terán de asumir perdas nos seus aforros. 

Ao remate do debate parlamentar un grupo de convidad@s da Plataforma de Lugo apuparon ao Goberno español ao berro de "mans arriba, isto é un atraco" logo de que, por segunda vez, Madrid deixe sen lexitimidade un acordo unánime das forzas políticas da Galiza. 

Comentarios