As dúbidas "dalgúns partidos" impiden un 12-S conxunto da Marea Galega e Iniciativa pola Unión

A Coordenadora do Encontro cidadán por unha Marea galega decidiu "anular a posibilidade" dunha "convocatoria colectiva" para a xornada Construíndo a unidade

IMG-20150901-WA0000 (1)
photo_camera Acto de presentación de IxU

Segundo a información publicada por Iniciativa pola Unión no seu portal web a plataforma non poderá asistir como tal á xornada Construíndo a unidade prevista para este sábado 12 de setembro após as "dúbidas" amosadas por algunhas forzas políticas ao da conveniencia dunha convocatoria conxunta. 

Na publicación afirman ter proposto que "a xornada do día 12 de setembro convocada no seu día polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega, fose conxunta, co obxectivo de confluírmos as iniciativas a prol dunha candidatura galega nun único proceso de participación individual, e que comezase a traballar posibilitando xa a existencia dun espazo de confluencia participativo para conformar a candidatura galega". 

Porén, embora non aceptar inicialmente o Encontro "mellorou a oferta, propoñendo que Construíndo a unidade unha Marea Galega, se realizase en réxime de autoconvocatoria polo Encontro, Iniciativa pola Unión e 8 partidos políticos, como mostra do desexo común de avanzar no proceso dunha candidatura galega de unidade", acrecentan. 

Así as cousas, nunha xuntanza decorrida na cuarta feira (9 de setembro)"algúns dos partidos sinalaron as súas dúbidas sobre a maduración do proceso e sobre a coincidencia de obxectivos". Perante a falta de consenso, din, "Encontro decidiu anular a posibilidade da convocatoria colectiva, e tamén rexeitou a proposta doutro partido de que a convocaramos as dúas plataformas cidadáns". 

"Seguiremos a traballar pola confluencia nun único proceso de todas as xentes que se sintan concernidas" á "conformación dunha candidatura nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais"

Neste senso, continúan desde Iniciativa pola Unión, "dado que Iniciativa non é unha forza política, nin está invitada a participar na Mesa de partidos que abrirá a xornada, non pode asistir como tal plataforma, aínda que naturalmente, os integrantes da súa coordinadora que o desexen participarán nos distintos grupos de traballo previstos". 

Aliás, Iniciativa pola Unión anima "a cidadanía galega a "asistir e participar en todas cantas iniciativas e encontros a prol da unidade se produzan" pois, din, "seguiremos a traballar pola confluencia nun único proceso de todas as xentes que se sintan concernidas" á "construción dun grande movemento social, cívico e participativo que culmine coa conformación dunha candidatura nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais" que "non teña ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega" e que vise a "consecución dun grupo parlamentario galego soberano nas Cortes que defenda o dereito radical democrático de Galicia a decidir e o combate contra as políticas neoliberais e reaccionarias que están a minar os dereitos e as condicións de vida do común da xente". 

Comentarios