Dúas visións antagónicas no Parlamento sobre a vaga de lumes

O director xeral de Ordenación e Produción forestal explica a vaga de lumes en base a dúas circunstancias: ventos do sur xeralizados en toda Galiza e aumento da actividade incendiaria. Desde a oposición critican que non admita responsabilidades nas políticas forestais e para o rural desenvolvidas nestes anos, así como que non asuma que esta tipoloxía de lumes veu para ficar se non se cambia o modelo de monte.

Parlamento da Galiza

Dúas visións enfrontadas, antagónicas, sobre os incendios e a política forestal volveron a evidenciarse esta sexta feira no Parlamento, na reunión da Comisión de agricultura. Dunha banda, a do goberno galego. Doutra, a da oposición, nomeadamente En Marea e BNG, que acumularon as súas preguntas sobre estes aspectos. O lume destes días, que arrasou 35.000 hectáreas e matou 4 persoas, evidencia que as cousas non se están a facer ben, explicaron tanto o deputado nacionalista Xosé L. Rivas ‘Mini’ como a parlamentar de En Marea Paula Quinteiro. Nin en políticas para o rural nin en prevención ou política forestal nin en ordenación do monte. E, tamén coincidiron, non se pode botar toda a culpa a un “terrorismo incendiario” co que “tentan desviar o tema” (Quinteiro) e que só serve para “alarmar a xente” (Mini).

Fernández Couto: "O servizo funcionou adecuadamente ata o 13 de outubro e a pesar da seca"

O BNG instaba a Xunta a asumir tamén que estamos perante unha nova tipoloxía de incendios, os de cuarta xeración, máis devastadores e perigosos e para os que cómpre reflexionar se estamos preparados para lles facer fronte. En Marea pedía unha comisión de investigación e lamentaba que a Xunta non asumise erros nin responsabilidades.

Fernández Couto, director xeral de Ordenación Forestal, defendeu que até o 13 de outubro, e embora a seca, o servizo contra o lume “funcionou adecuadamente”. Que o acontecido na fin de semana debeuse a dous factores principais, como os ventos do sur xeralizados en toda Galiza (“en 30 anos eu nunca vira tal”) e na forte actividade incendiaria. Asegurou que fronte a ese escenario de pouco valía que houbese máis ou menos brigadas operativas. Desbotou os que sinalan eucaliptos (“arderon carballeiras e arderon eucaliptais) e abandono do monte (“ fóra de Galiza hai millóns de hectáreas que acumulan biomasa e non arden”).

Paula Quinteiro: "Falan de tramas e terrorismo incendiario para desviar o tema das súas responsabilidades"

Lumes e concellos

O director xeral tamén apuntou a importancia do lume que entrou desde Portugal e apuntou aos concellos, dicindo que eles eran os que desde 2007 tiñan a responsabilidade de facer cumprir as franxas de seguridade.

Nin BNG nin En Marea ficaron convencidos coas respostas do representante da Consellería. “Nin unha palabra do abandono do rural, de política forestal”, reprochoulle Paula Quinteiro, que advertiu que a solución non pode ser un novo Pladiga “calcado dos anteriores”.

Xosé L. Rivas 'Mini': Este tipo de incendios, devastadores, vanse repetir como sigamos a ter o monte como o temos"

De por parte, Xosé L. Rivas advertiu ao director xeral que ese tipo de vagas de lume poden volver repetirse. Porque cada vez hai máis masa forestal abandonada, porque cada vez está máis perto de núcleos habitados,polo aumento de temperaturas... Por iso hai que ir cara a outro tipo de monte, dixo o nacionalista. “Hai que ter un monte sostíbel e socialmente considerado”, vivo, non centrado en multicultivo de eucaliptos.  Nesta liña. Rivas lembrou que nas mobilizacións da pasada segunda feira había moita xente nova, “preocupada polo futuro”. Porque, asegurou, de se manter a inercia actual, o futuro para o monte galego é “lume e depredación”. 

Comentarios