A DE IPU E A DA MAREA

Dúas candidaturas en marcha

Nestes momento son dúas as candidaturas en marcha, a impulsada por Iniciativa pola Unión –onde membros do BNG, Cerna e Compromiso por Galicia fan parte da súa coordinadora- e a promovida polo Encontro cidadán por unha Marea Galega -que contan co apoio das forzas que asinaron o pre acordo de Mazarelos: Anova, EU e Podemos.

Papeletas eleccións
photo_camera papeletas eleccións

A través dun comunicado, o Encontro cidadán por unha Marea Galega informou dun acordo “entre todos os presentes”  para estabelecer un calendario de traballo con prazos concretos para a creación dunha candidatura de unidade popular. Iniciativa pola Unión xa comezara o seu propio calendario, feito público o 13 de outubro xunto co regulamento do proceso. De feito, esta segunda feira ábrese o censo de primarias abertas.

 IpU, que leva semanas traballando no aprobado na Asemblea Aberta do 27 de setembro, segue a expresar a súa vontade de seguir coa man tendida a quen queira participar no proceso.Tamén o Encontro, no comunicado feito público onte, sinala que no foro político da sexta feira acordou “manter o proceso á incorporación doutros axentes políticos e sociais que asuman esas mesmas premisas”. Esas premisas son as bases que o Encontro Cidadán achegou ao traballo para a construción dunha “candidatura popular” e que se compoñen de sete puntos.

O Encontro afirma no comunicado publicado o sábado que “todas as organizacións presentes na reunión, tras analizar o documento achegado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega, concordaron nas bases que Encontro Cidadán aporta ao traballo para a construción dunha candidatura popular, nos puntos recollidos no seu documento de proposta".

Cerna e Compromiso, que nega que asinara "nada", parecen atoparse nunha situación intermedia

As forzas presentes na reunión foron as que asinaron o pre acordo de Mazarelos, Anova, EU e Podemos, o Espazo, Equo, Cerna e Compromiso por Galicia. Estas dúas últimas parecen atoparse nunha situación intermedia entre o Encontro e IpU. E é que tanto Cerna como CxG contan con membros das súas filas na coordinadora de Iniciativa pola UniónPaula Vázquez Verao e Carlos Méixome por Cerna e Rafa Cuíña por Compromiso. Pola outra banda, o coordinador xeral de CxG, Xoán Bascuas, puxo de manifesto, en declaracións a Sermos Galiza, que “nós non asinamos nada”. E é que Compromiso celebra o próximo sábado unha convención para decidir baixo que fórmula concorrerá ás eleccións xerais. Será, en palabras de Bascuas, un proceso “moi participativo”.

As grandes ausentes do foro político foron a propia Iniciativa pola Unión e mais o BNG. Adoptaron a decisión de non tomar parte da reunión pola exclusión de seis forzas políticas galegas –Partido Galeguista, Coalición Galega, Foga, Partido Comunista do Povo Galego, Agora Galiza e Terra Galega-, que non foron convocadas. O propio Bascuas lamentou en declaración a Sermos Galiza a exclusión destas forzas, unha consideración que Compromiso puxo de manifesto na reunión.

Que defende cada plataforma?

IpU defende tres cuestións para a configuración da candidatura. A primeira delas é unha candidatura galega con personalidade xurídica propia e que frutifique unha representación parlamentar plenamente soberana. A segunda, refírese á marca electoral, que debe ser nova para que todas as persoas con sensibilidades políticas diferentes se sintan cómodas. E a terceira, que o proceso se desenvolva sen vetos nin exclusións, ao considerar que a unidade ten que ser de todos e de todas as que queiran formar parte de Iniciativa pola Unión.

Pola outra banda, as bases propostas polo Encontro recollen sete puntos. Sobre o grupo parlamentar galego, o punto 7º das bases resulta ambiguo, pois sinala que os deputados e deputadas electas “funcionarán a todos os efectos como un grupo parlamentar”, mais non incorpora como finalidade que sexa independente dun grupo parlamentar estatal. O que non se recolle entre os sete puntos é a presenza ou ausencia de siglas partidarias na papeleta electoral, a pesar de que Podemos pon como condición que a papeleta recolla a súa marca.

Comentarios