POLÍTICA

As doazóns opacas ao PP galego en 2006 poderían alcanzar os 1,8 millóns de euros

Luis Bárcenas constatou diante do xuíz a existencia de posíbeis irregularidades no financiamento da formación que xa dirixía Núñez Feijóo e que tería a súa orixe en empresas que asinaron contratos coa Xunta de Fraga, da que o actual presidente foi conselleiro e vicepresidente.

Núñez Feijóo
photo_camera Núñez Feijóo

O escándalo do presunto financiamento ilegal do PP galego segue en pé malia o intento de Alberto Nüñez Feijóo de tapalo ao vetar a súa comparecencia ante o Parlamento, tal e como solicitou a oposición. Porén, este luns o diario El País sinala na súa edición que os papeis do que foi tesoureiro do partido a nivel estatal sinalan directamente posíbeis ilegalidades do PP en Galiza en 2006, cando xa era o seu líder o actual presidente da Xunta, e asegura que así o declarou diante do xuíz Ruz.

 

En resposta ás preguntas do instrutor, Bárcenas ratificou as doazóns opacas ao PP galego nas contas de 2006, que terían alcanzado a importante cantidade de 1,8 millóns de euros. A maioría deses cartos procederían de construtoras que eran contratistas do goberno galego que presidiu Manuel Fraga -e do que Feijóo foi conselleiro e mesmo vicepresidente- o que está prohibido pola lei, que tamén impón un límite nos donativos de empresas a formacións políticas de 60.000 euros, que foi superado e que aparecía na contabilidade B, pero non na oficial.

 

O informe sobre a contabilidade presuntamente ilegal foi enviado desde Galiza a Madrid, segundo as declaracións de Bárcenas, asinado polo que era xerente do PP galego, Modesto Fernández.

 

Entre as empresas que terían realizado doazóns opacas estarían as construtoras Necso e Copasa, que participaron da construción da Cidade da Cultura. Egasa, FCC, ACS ou o Grupo Campo tamén aparecen nesa lista.

Comentarios