O si do BNG a Sánchez trae un grande acordo a Galiza

Os "compromisos concretos" para Galiza que lle reclamaba o BNG ao PSOE para votar a favor da investidura de Pedro Sánchez chegaron a menos de 24 horas do comezo do Pleno no Congreso coa activación das competencias pendentes do Estatuto, a transferencia con substanciosas bonificacións da autoestrada AP-9, a normalización do uso do galego na Administración de xustiza, o saneamento das rías e unha transición xusta na descarbonización. Ademais, haberá xulgados de violencia de xénero en Compostela, Lugo e Ourense e unha redución da factura enerxética das electrointensivas.

BNG CONGRESO

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) fixo valer a súa "voz" en Madrid e cumpriu coas expectativas asinando cos socialistas un pacto de investidura que atende as necesidades "urxentes" do país.

Entre os puntos do acordo acadado entre o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) e o BNG estivo o avance no reforzo "da capacidade de decisión do autogoberno galego" coa proposta de convocatoria da comisión mixta de transferencias entre o Estado e a Xunta da Galiza no primeiro semestre do presente ano, aínda que este punto dependería tamén da vontade do Goberno de Alberto Núñez Feixoo, quen na súa década como presidente da Xunta non conseguiu transferencia ningunha.

O PSOE e o BNG tamén  inclúen no documento asinado onte o impulso, a través do diálogo entre partidos e institucións, das "reformas necesarias para adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza". 

A respecto da lingua, PSOE e BNG comprométense a normalizar o uso do galego na Administración periférica do Estado, na Administración de xustiza, e ao respecto da toponimia galega.

Infraestruturas

Un dos puntos estrela do acordo consiste na aprobación da proposición de lei do Parlamento da Galiza para transferir a AP-9 ao longo do ano 2020. Garántese, "como mínimo", a bonificación do 100% da peaxe para as persoas usuarias recorrentes que empreguen a vía dúas veces ou máis ao día. Segundo puido saber Nós Diario, o BNG conseguiu que o custo da bonificación corra por conta dos orzamentos do Estado.

A respecto das infraestruturas, o documento asinado entre o Bloque Nacionalista Galego e o PSOE recolle a execución do “nó de bombeiros” da cidade de Pontevedra e a modernización da rede interior ferroviaria galega, con especial énfase nos tramos A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo, Ourense-Lugo e entre Vigo e a fronteira con Portugal, así como na liña FEVE que conecta Ferrol con Xixón. 

O saneamento das rías, avanzar na transición enerxética, a loita contra a violencia machista e a adopción de medidas para evitar que os emigrantes retornados sufran a dupla tributación complementa as medidas acordadas entre o BNG e os socialistas.

Comentarios