Revista de Imprensa

De Toro e Losada aparecen na lista de "españois cómplices co independentismo"

Non se pode historiar o xornalismo español das últimas décadas sen contar coa figura de Pedro Jota Ramírez. Agora dirixe un dixital, El Español, claramente ancorado en latitudes conservadoras e españolistas. Este domingo este meio publicou un texto intitulado "Os españois cómplices co independentismo".

composiçom (1)
photo_camera Suso de Toro e Antón Losada

No texto aparecen citados dous colaboradores de Sermos Galiza, o escritor Suso de Toro e o profesor de políticas da USC Antón Losada. Ambos moi activos nos meios e tamen nas redes sociais. Que os leva a ser postos baixo o foco de El Español? Basicamente non partillar o discurso hexemónico, o pensamento único, dos mainstream media sobre a batalla de Catalunya. Claro que a súa disidencia non é glosada como o sería se as súas críticas se dirixisen a, poñamos por caso, Nicolás Maduro ou Raúl Castro -daquela serían louvados como heraldos da liberdade-, senón que máis ben é considerada como oportunismo ao servizo dos meios soberanistas. 

Vaiamos á fonte. "Os españois cómplices co independentismo", titúlase a peza, escrita cunha carga semántica -"cómplices"- propia dos autos xudiciais. E o subtítulo deita luz sobre o que atoparemos: "Intelectuais, profesores e xornalistas que rexeitan o goberno do PP son buscados polos meios cataláns para apuntalar o secesionismo". Si, a liña argumental de fondo é máis menos a de ver en De Toro e Losada -nomes aos que El Español suma tamén os de Ramón Cotarelo, Jorge Vestrynge, Ernesto Ekaizer e Beatriz Talegón- unha sorte de parvos úteis da confabulación independentista. Pobres xentes sen criterio aos que é doado seducir cunha columniña no Ara. Mais menos dese teor é o retrato que pintan deles no dixital de Pedro Jota.

"Son activos nas redes sociais e reproducen as mensaxes nacionalistas. O soberanismo apláudeos", lese na crónica, texto que a seguir fai unha especie de radiografía dos cómplices un a un.

Suso de Toro

Do autor de Polaroid El Español lembra que é "autor da biografía de Rodríguez Zapatero (sic) Madera de Zapatero", ao tempo que afirma que o escritor compostelán é "aloumiñado tamén nos meios da Generalitat" e no diario Ara. El Español relaciona a seguir distintas opinións de De Toro, que cualifica de "música celestial para o soberanismo". A investigación do diario de Pedro Jota é tan exhaustiva que lle permite consignar que o colaborador de Sermos Galiza foi, como Cotarelo, entrevistado no programa da TV3 El Diván. Gravísimo delito! Aos ollos dos fiscais de El Español, pouco menos que unha proba definitiva do contubernio.

Antón Losada

O dixital de Pedro Jota tamén submete a escrutinio Antón Losada, de quen destaca que "rexeita unha e outra vez todas as operacións xudiciais en contra do proceso soberanista" e de quen lembra que fixo parte do goberno da Xunta "como colaborador estreito do líder do BNG Anxo Quintana". El Español, en todo caso, xulga que nas posicións de Losada hai máis "matices" e "sutileza" do que nas de De Toro. Xa se sabe, divide et impera.

O texto detense en parecidos termos nas obras e opinións de Cotarelo, Vestrynge, Ekaizer e Talegón. Todos eles, conclúe un inquisitorial El Español, "son os españois que, directamente ou seducidos pola presenza nos meios, se prestan ao independentismo".

Comentarios