DISCURSO DE FELIPE DE BORBóN

Felipe VI sitúa a unidade de España como prioridade da nova lexislatura

O monarca chamou os partidos -novos e vellos- a antepoñer España a calquera outra cuestión, reivindicou o “lexítimo orgullo” de se sentir español e situou o independentismo na vía do “empobrecemento” e a “decadencia”.

Felipe-VI-Palacio-escenario-navideno_EDIIMA20151224_0278_18

España como alfa e omega, principio e fin. Do mapa político, da lexislatura que comeza e da folla de rota que para a Zarzuela debe guiar os partidos, novos e vellos. O discurso de Felipe VI, o segundo desde que ocupou o trono que lle cedeu seu pai, Juan Carlos I, foi de man de ferro para soberanismos -nomeadamente o catalán- e luva de seda para as formacións -antes 2, agora 4- que ocupan a 'centralidade' do taboleiro político a nivel de Estado.

Nun discurso pronunciado desde o Palacio Real, Felipe VI defendeu reiteradamente “a grandeza de España” e o “orgullo lexítimo” de se sentir e ser español. Mensaxes que se presentaron contra “o erro” do soberanismo e independentismo catalán, sospeitoso de rachar a lei e a Constitución e querer abrir unha xeira de “empobrecemento” e “decadencia”. Apenas tivo espazo o Borbón para a crise social e política. O eixo central do discurso foi 'España'. España e o “respecto á nosa orde constitucional”.

Defendeu o diálogo como base para construír a nova etapa que comeza após o 20-D e na que se manifestou nas urnas unha “pluralidade política”. Mais esa pluralidade limitouna, polo que deixou ver no seu discurso, a actuar no ben da unidade de España. Para os partidos estatais recomendou “diálogo” e “entendemento”.

No que atinxe á economía, o rei español limitouse a sinalar que “a mellora da economía é unha prioridade para todos”, á vez que pedía ás minstitucións que lembrasen o seu “deber” para que as familias recuperasen “o que nunca deberon perder: a tranquilidade e a estabilidade”.

Comentarios