Dirixentes relevantes do PSOE opóñense á pretensión de González de facilitar a investidura de Rajoy

Continúa o debate no PSOE sobre se facilitar ou non a investidura de Rajoy a meio dunha abstención. O líder histórico Felipe González pronunciouse a favor esta sexta feira através dun artigo en El País. A presidenta de Baleares oponse. 

Francina Armengol
photo_camera Francina Armengol

No meio do debate, un silencio clamoroso, o do secretario xeral do partido, Pedro Sánchez, quen non realizou nen unha soa declaración desde a noite eleitoral.

Todo indica que Sánchez non se pronunciará até que o Comité Federal, máximo órgao do partido entre Congresos, se reúna o próximo sábado.

Fontes do PSOE informan de que o Comité Federal votará este sábado o non á investidura de Rajoy, mais algúns portavoces teñen admitido nos off the record cos meios que non se desbota que, en función de como vaian os acontecimentos, unha reunión ulterior dese mesmo Comité puidese variar a posición, eventualmente cara á unha abstención.

Sen a abstención do PSOE é materialmente imposíbel a investidura de Rajoy, sendo que, no plano máis optimista, o PP podería aspirar no máximo a 175 votos favorábeis, os seus 137, os 32 de Cs, os 5 do PNV e CC. O comezo da negociación co PNV foi, aliás, negativo. Aitor Esteban, o seu portavoz no Congreso, dixo onte após se ver con Rajoy que o seu partido está neste momento no "non" porque non se pode pretender borrar nunha semana desencontros de varios anos co partido no goberno. En todo caso, esta posición é perfeitamente movíbel e o PNV ten unha acreditada posición pactista. O único problema, o calendario eleitoral. Hai eleccións en Euskadi e o PNV pode valorar que o si a Rajoy lle podería restar apoios nas bases abertzales, para ledicia de Arnaldo Otegi.

Aitor Esteban, o portavoz do PNV no Congreso, dixo esta cuarta feira após se ver con Rajoy que o seu partido está neste momento no "non"

Con 175 votos favorábeis a investidura sería imposíbel de haber 175 votos en contra, daí que Felipe González defenda no seu artigo en El País que "excluíndo a coligazón e o apoio ao PP na investidura, en caso de necesidade, [o PSOE] non debe ser un obstáculo para que houber un goberno minoritario".

Esta posición de González vénse sumar á expresada polo presidente de Estremadura e remite á que implicitamente mantén a baronesa andaluza, Susana Díaz.

Mais González xa non é o tótem incuestionábel que foi no pasado dentro do PSOE e esta mesma quinta feira a presidenta de Baleares, Francina Armengol, mostrou a súa total oposición a que o partido socialista facilite a investidura de Rajoy.

Após dicer que non partillaba "para nada" a posición de González, Armengol dixo: "Non podemos permitir nen por activa nen por pasiva un goberno do PP".

Armengol alcanzou a presidencia do goberno balear após un pacto do PSOE con Podemos e co nacionalista Més.

Por súa parte, o líder do PSC, Miquel Iceta, dixo esta cuarta feira que, caso de Rajoy fracasar na investidura, o PSOE debería estudar a hipótese de encabezar unha alternativa. O partido socialista só podería alcanzar a Moncloa ou ben nun pacto trilateral moi improbábel con UP e Cs ou ben nun acordo con Unidos Podemos que fose votado afirmativamente polos soberanistas cataláns.

Comentarios