A operación foi negociada directamente por Alberto Núñez Feixoo

O director xeral de Pemex pon Barreras como exemplo do “saqueo” español

Se a comezos de 2022 a Fiscalía mexicana solicitaba 39 anos de cárcere para o directivo de Pemex que negociou con Alberto Núñez Feixoo a compra de Barreras, esta semana o presidente mexicano púñaa como exemplo de como as empresas españolas se aproveitaran do seu país.

 

lozoya
photo_camera Emilio Lozoya Austin e Alberto Núñez Feixoo, na sede de Pemex, en México, en 2014.

A cuarta feira, 9 de febreiro, o mandatario mexicano Ángel Manuel López Obrador demandou “unha pausa” nas relacións co Executivo español e coas súas empresas tras acusalas de ver o país azteca como “terra de conquista e saqueo” “Saqueábanos”, aseverou López Obrador. O presidente mexicano sinalou que agora "non é boa a relación" e apostou por facer "unha pausa". Engadiu: "Eu creo que nos vai convir aos mexicanos e aos españois, desde logo ao pobo de México e ao pobo de España”.

O presidente mexicano fixo estas declaracións nunha rolda de prensa onde compareceu acompañado polo actual director xeral de Petróleos Mexicanos (Pemex) Octavio Romero  Oropeza, quen na súa intervención referiuse á compra por parte de Pemex dos estaleiros de Barreras de Vigo, “que estaban en bancarrota e practicamente fechados e durante unha visita decidiuse rescatalos, comprando o 51%".

“Como non chegaba ese diñeiro”, continuou Romero “encargáronse uns barcos, chámaselles floteis [...] e cando se remataron de construír resultou que Pemex non os necesitaba. Encargáraselles nada máis para darlle o negocio e viabilidade aos estaleiros, polo que se decidiu vendelos. O curioso é que cando estes barcos se ofreceron no mercado ninguén quería pagar máis que a metade do que custou construílos”.

Romero asegurou que “nesta administración concluímos esa negociación conseguindo recuperar o investimento, pero foi indubidabelmente un pésimo negocio para Petróleos Mexicanos”. A falla de que a petroleira pública dea a coñecer os datos da auditoría encargada para valorar a operación, o director da mesma confirmou que “Pemex nunca gañou un só centavo”.

As dúbidas pairaban sobre esta operación desde hai anos. En xuño de 2019, López Obrador anunciou que “estamos a revisar os contratos de empresas que se teñen con estaleiros españois, onde non había un trato xusto para Pemex”. Na mesma liña, en febreiro de 2020, o xefe da Unidade de Intelixencia Financeira (UIF), Santiago Nieto Castillo, sinalou que existían dous casos por xudicializar contra Emilio Lozoya Austín, ex director xeral de Pemex, relacionados con Barreras.

A compra de Barreras por Pemex foi negociada entre Feixoo e o máximo responsábel da compañía naquela altura, o propio Lozoya, para quen a Fiscalía mexicana solicita 39 anos de cárcere polo cobro de comisións á multinacional brasileira Odebretch, está sendo investigado tamén polo “caso Barreras”.

"Presuntos actos de corrupción"

O xornal mexicano El Universal informou en febreiro de 2020 que Lozoya “forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra, tras a compra dun estaleiro a sobreprezo e mediante presuntos actos de corrupción”

Comentarios