O director de Sargadelos ofrece ao BNG de Cervo venderlle a empresa “polo mesmo prezo que me custou”

Foi a resposta dada por Segismundo García, segundo os nacionalistas, ás críticas realizadas polo Bloque á súa xestión.

sargadelos_bic

O BNG de Cervo emitiu un comunicado de prensa o pasado sábado con críticas á xestión de Segismundo García como administrador único de Cerámicas Sargadelos, acusándoo de desprestixiar a empresa e de saltar a lexislación, precarizando as condicións laborais. No comunicado tamén se advertía como a súa xestión podía mesmo pórlle un terríbel final ao proxecto ideado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo tan importante para a cultura galega.

A resposta do actual administrador, Segismundo García, foi  segundo os nacionalistas unha “insólita chamada telefónica” ao responsábel local, Diego Fernández, na cal lle ofreceu venderlle a empresa “polo mesmo prezo que lle custou”.

Desde o BNG consideran que esta chamada demostra que García “está cada vez máis incapacitado para dirixir a empresa respectando a lexislación laboral en vigor”, en palabras de Fernández. Nesa chamada telefónica García, afirman desde o BNG, tamén ofreceu unha reunión, que o BNG decidiu rexeitar por considerar a oferta “pouco seria e nada profesional, chegada dun individuo sen escrúpulos que presume de incumprir a lexislación laboral, que insiste en amosar comportamentos antisindicais e que está a liquidar un proxecto empresarial cuns valores culturais e galeguistas que lle daban solvencia e capacidade para competir nun mercado globalizado”.

Diego Fernández, responsábel local do BNG, criticou Xunta e  Concello: “á Xunta, por financiar no pasado con 1 millón de euros a deriva suicida de García, sen condicionar o mantemento do emprego e a viabilidade da empresa, por aceptar sen dúbidas despedimentos despois anulados por sentenzas xudiciais do TSXG e do TS, e mesmo por non asumir responsabilidades agora, ante a actitude de insubmisión lexislativa de García que debera activar a intervención inmediata da autoridade laboral.” Diego Fernández acusou o alcalde de Cervo, Alfonso Vilares, “de pretender unha posición neutral ante un señor disposto a liquidar un dos principais sinais de identidade do concello de Cervo, levando a moitas familias do concello e da comarca o sufrimento con sucesivos ERE e despedimentos desde o ano 2010.”

Comentarios