A dirección que elixirá a UPG no seu congreso do domingo estará integrada por 80 persoas

A Unión do Povo Galego (UPG), partido político integrado no BNG desde a fundación da fronte nacionalista en 1982, desenvolve o domingo, o seu XVI congreso en Santiago de Compostela baixo o lema "60 anos de loita pola soberanía da Galiza e o socialismo". O encontro servirá para que este partido, que o vindeiro 25 de xullo celebra 60 anos, defina a súa liña política para os vindeiros anos e escolla a nova dirección.

UPG
photo_camera Sesión de clausura do XV congreso da UPG en febreiro de 2020 en Compostela. (Fundación Terra e Tempo).

A militancia da Unión da Unión do Povo Galego elixirá no conclave deste domingo o comité central, o máximo órgano de dirección do partido entre congresos, que estará integrado por 80 persoas. Segundo se recolle no regulamento do XVI congreso da formación, “o número de membros do comité central responderá a un criterio de equilibrio entre o número de compoñentes do máximo órgano de dirección do partido e o número total de militantes deste, así como a atención suficiente das necesidades políticas e organizativas colectivas”.

As propostas de persoas que conformarán a dirección da UPG proceden das asembleas desenvolvidas polas diversas estruturas territoriais nas que se organiza a formación nas semanas previas ao congreso. A súa elección realizarase na sesión de tarde do pleno congresual do domingo mediante votación secreta entre a militancia, apuntando o regulamento que “cada militante sinalará a súa opción entre as persoas candidatas propostas”, até un máximo de 80.  Posteriormente, o pleno do congreso procederá á elección do secretario xeral, a proposta do novo comité central.

Fortalecer a loita social

O congreso da UPG somete a debate unha tese política cunha parte ideolóxica e outra organizativa. Neste sentido, o secretario xeral da formación, Néstor Rego, sinala a Nós Diario que “un dos obxectivos do congreso do partido é definir liñas de actuación que contribúan ao reforzamento e expansión social de todas as organizacións do campo nacionalista”. “Apostamos polo traballo social”, apunta Rego, para “crear organización, expandila e fortalecer a mobilización social no país, nun momento onde enfrontamos importantes conflitos derivados duns deseños económicos coloniais, que buscan o espolio da nosa riqueza”.

Así, os documentos congresuais da UPG afirman que “debemos prestar tamén a atención que merece o reforzamento dos diferentes ámbitos de loita social, apostando con decisión por alentar desde o nacionalismo a mobilización para enfrontar todas as problemáticas e dando resposta ás necesidades do pobo, do concreto ao xeral, na certeza de que ese é o camiño para o fortalecemento da causa nacionalista e tamén un espazo de oportunidade para visibilizar a nosa alternativa política”.

A UPG sinala nos seus relatorios que “se xa sempre foi necesario desenvolver un importante labor de activismo social, neste momento histórico ese enfoque da acción política cobra especial relevancia. Para desenvolver a necesidade xa indicada de combate ideolóxico e mobilización social, é preciso priorizar o traballo de dinamización e revitalización das organizacións sociais e da nosa capacidade de incidencia social”.

O XVI congreso da UPG desenvólvese catro anos despois do seu anterior conclave e nel participarán como convidas diversas organizacións nacionalistas como o BNG.

Comentarios