A fin de semana do 22-23, data probábel das votacións

A dirección de En Marea ve serios indicios de delito na intrusión no seu censo

A dirección de En Marea ten a convicción de que os accesos non autorizados ao censo de persoas inscritas da confluencia son constitutivos dun delito tipificado no código penal que pode comportar penas de 1 a 4 anos de prisión. "Cos resultados da auditoría na man tiñamos necesariamente que facer o que fixemos, dar traslado á fiscalía", din fontes da Coordenadora [executiva] do partido instrumental a Sermos Galiza. As cinco persoas —dúas delas non integrantes do comité electoral— que accederon sen permiso ao censo son militantes de Esquerda Unida, segundo as fontes consultadas por Sermos. A dirección de EU, en comunicación con este diario dixital, desmínteo.

 

 

unnamed (4)
photo_camera Gonzalo Rodríguez, fotografado na súa comparecencia desta cuarta feira

"Detectamos que había quen quería facer trampas. Mudaron as claves [ao entrar no sistema informático], por iso nos enteiramos do acceso non autorizado, porque o responsábel do censo [Gonzalo Rodríguez] non puido durante 24 horas acceder ao listado", relatan a Sermos desde a dirección de En Marea. "Estamos decididos a restabelecer as garantías. Traballamos para que se podan realizar as votacións con absoluta limpeza", afirman.

Ao ter constancia da existencia de accesos non autorizados ao ficheiro das inscritas —listado altamente protexido pola lexislación ao incluír datos relativos á afiliación de persoas a un partido político—, a Coordenadora de En Marea tomou dúas decisións. A primeira, demandar a revocación dos tres membros do comité electoral que terían consultado sen permiso o listado [segundo a auditoría serían Martiño Ramos, Pablo Nieves e Raquel Bernárdez]. A segunda, dar traslado á fiscalía dos resultados da auditoría practicada no sistema, informe que deitaría como resultado a intrusión no ficheiro de non só os integrantes daquel órgano, senón tamén de outras dúas persoas. "Son feitos graves. Pensamos que son delito. Non podiamos non levar o asunto a fiscalía", afirman desde a Coordenadora de En Marea. 

Segundo as fontes consultadas por Sermos, as 5 persoas que terían accedido ao censo son militantes de Esquerda Unida, o que leva a dirección de En Marea, de maioría villarista, a concluír que estariamos perante unha operación orquestrada. "Non conseguiron alterar o censo [dar altas e baixas], mais si que andaron fisgando e talvez copiando", afirman. "Todo isto é falso", din desde Esquerda Unida.

Outras fontes consultadas por Sermos apuntan a que os accesos non autorizados tiñan como obxectivo fraccionar o censo —dividilo entre partidarios da lista de Luís Villares e da candidatura de David Bruzos—. "Isto é o que explica por que moita xente que ía votar pola candidatura Coidando a Casa non recibiu información do comité electoral sobre os lugares de votación", afirman esas fontes. "Mentres o comité electoral non informaba correctamente a todo o mundo de onde se podía votar, Esquerda Unida enviaba unha circular a súa militancia cos datos correctos", engaden.

O plano xudicial

Se hai indicios de delito, como acreditan na dirección de En Marea, a Fiscalía levaría a denuncia a un xulgado ou mesmo abriría ela propia dilixencias, tomando declaración ás persoas involucradas. No mínimo, segundo as fontes xurídicas consultadas por Sermos, o asunto saldaríase con sancións administrativas por unha infracción da Lei de Protección de Datos. Se o ministerio público ve que o tema ten maís entidade entón entraría o código penal en xogo, en concreto o artigo 197.1, que prevé penas de 1 a 4 anos de prisión. O precepto castiga a quen "sen estar autorizado, se apodere, utilice ou modifique, en prexuízo de terceiro, datos reservados de carácter persoal ou familiar de outro que se achen rexistrados en ficheiro ou soportes informáticos". Tamén é puníbel quen "sen estar autorizado acceda por calquera medio" aos ficheiros e quen "os altere ou utilice en prexuízo do titular dos datos ou dun terceiro".

Segundo as fontes consultadas por Sermos, as 5 persoas que terían accedido ao censo son militantes de Esquerda Unida

Por tanto, a mera intrusión nun censo altamente protexido sen ter autorización para iso podería ser constitutiva de delito. Porén, a redacción do artigo ten un certo grao de imprecisión e a xurisprudencia sobre esta materia é "moi discordante", segundo as fontes xurídicas consultadas por Sermos.

Os tres membros do comité electoral que accederon ao censo argumentan que si estaban lexitimados para o facer, a pesar de que o custodio do listado, Gonzalo Rodríguez, asegurase que conseguiron entrar no ficheiro ás súas costas. Moito máis difícil defensa terían as dúas persoas que se asomaron ao sistema informático sen seren integrantes de ningún órgano —nen comisión de garantías nen comité electoral— relacionado coas primarias.

A persoa xurídica involucrada neste asunto —En Marea— tamén podería ser sancionada nun eventual procedimento, se a Axencia Española de Protección de Datos acaba por concluír que a intrusión se produciu por fallas no sistema de seguranza disposto pola organización. "Se se demostrar que por unha neglixencia de En Marea persoas non autorizadas se fixeron coas claves e puideron entrar no sistema, entón o partido tería que asumir responsabilidades", din a Sermos fontes xurídicas.

Novas medidas de seguranza

O certo é que a dirección de En Marea é consciente de que o sistema actual de votación é perfectíbel e por iso vai reunir este sábado o máximo órgao da confluencia, o Consello da Marea, para aprobar a implantación de mecanismos garantistas que aseguren nomeadamente a non suplantación do voto.

A idea sería que a persoa inscrita que emitise un voto recibiría inmediatamente unha notificación do sistema, un sms. Deste xeito evitaríase unha hipotética suplantación de personalidade. "O voto telemático ten algúns problemas de seguranza non ben resolvidos até agora. Viuse por exemplo nas primarias de Podemos en Leganés, onde se constatou a fraude", afirman desde a dirección de En Marea.

A persoa xurídica involucrada neste asunto —En Marea— tamén podería ser sancionada nun eventual procedimento

Na localidade madrileña impuxérase unha candidata do sector de Errejón, mais as eleccións foron anuladas ao verificarse que se produciran votos fraudulentos. A fraude levouse a cabo a partir da suplantación de identidade. Os responsábeis do engano inscribían como propios datos doutras persoas —mediante a compra de cartóns SIM— e así votaban por elas. Militantes de IU denunciaron que as súas referencias persoais foran usadas fraudulentamente nesas eleccións.

A fraude foi posta en coñecimento da Fiscalía pola dirección de Podemos, precedente ao que agora apela a dirección de En Marea para xustificar a suspensión sine die das súas primarias.

Desde a dirección de En Marea, tal e como recalcou tamén na súa última comparecencia Gonzalo Rodríguez, insístese en que finalmente si se producirán as votacións, contra o dito por David Bruzos, para quen a denuncia "falsa" que se alega desde a Coordinadora ten como único obxectivo que finalmente non se vote. "Unha vez que estabelezamos garantías suficientes, as inscritas poderán votar", reafirman desde a cúpula villarista. As datas que barallan para voltar a abrir as urnas son a fin de semana do 22 e 23 de decembro. En todo caso, a axenda ficará esclarecida case con total seguridade no Consello da Marea deste sábado.

Nota: Esta información foi actualizada ás 17.45 horas.

Comentarios