O espazo da unidade popular xa non é o que era e a súa ruptura definitiva é algo máis que unha hipótese sobre a mesa. Porén, a impresión que ten a dirección de En Marea é que a situación aínda non é irreversíbel. Apuntan, por exemplo, ao comunicado emitido por Anova o pasado sábado, unha declaración en que se invocaba a Declaración de Mazarelos e a Asemblea de Vigo, o conclave fundacional en que se fraguou a construción de En Marea como partido instrumental.
"Hai tempo por diante aínda para falar e para chegar a acordos. No minimo até o día 28 de febreiro", puntualizan as fontes da coordenadora de En Marea coas que falou Sermos. Ese día féchase o prazo de presentación das candidaturas ao proceso de primarias no que se elixirán as listas da confluencia para as xerais. En definitiva, diálogo, si, pero a partir da aceptación da legalidade interna de En Marea: as candidaturas teñen que ser votadas nunha elección interna. "Nós non imos aceptar un método de escolla de candidatos que non sexa o das primarias", afirman, a pesar de que desde o sector crítico se teña cuestionado a limpeza do proceso que levou a reelección de Villares como líder da organización. "Non imos aceptar que os candidatos se nomeen a dedo nunha mesa camilla dos partidos [Anova, Eu e Podemos]. Non imos aceptar que ser dirixente deses partidos sexa na práctica un requisito previo para ser candidato. A inmensa maioría dos militantes de En Marea somos independentes", alegan as fontes consultadas.
As novas primarias de En Marea foron convocadas este sábado pasado polo Consello das Mareas (órgano equivalente a un consello nacional) e teñen como principais fitos os días 25 de febreiro (abertura do prazo de presentación de candidaturas), 28 (feche dese prazo), 4 de marzo (inicio da campaña electoral interna), 8 a 10 de marzo (comezo e feche do período de votacións), e 11 e 13 de marzo (proclamación provisional e definitiva dos resultados, respectivamente).
A outra liña vermella para o villarismo é a fórmula xurídica coa que a confluencia concorrerá ás urnas o 28A. A determinación da dirección de En Marea é inequívoca: só contemplan o escenario de ir ás eleccións como partido. "En ningún caso imos presentarnos ás eleccións en coalición. Nin con Anova, EU e Podemos nin con ninguén. Presentarémonos como o que somos, un partido político", enfatizan.
Baixo ningunha circunstancia, destacan, aceptarían reeditar o formato de coalición ensaiado nas eleccións de xuño 2016. "Subordínanos á lóxica de Unidos Podemos, como se acaba de comprobar no debate dos orzamentos", alegan. Non dan a batalla por perdida e acreditan que en último extremo as marcas lideradas na Galiza por Antón Sánchez, Antón Gómez Reino e Eva Solla terminarán por ceder: "Presentámonos como partido nas galegas de outubro de 2016 a pesar de que Podemos era moi reticente a facelo", din. Após un tenso tira puxa, foi o propio Pablo Iglesias quen desde Madrid fechou o debate e, contra o criterio da súa organización galega, acabou por aceptar concorrer a aquelas eleccións formalmente como partido e non como coalición.
"En ningún caso imos presentarnos ás eleccións en coalición. Nin con Anova, EU e Podemos nin con ninguén. Presentarémonos como o que somos, un partido político", enfatizan desde a dirección de En Marea
"O que está claro é que aquí vai haber primarias. Non imos aceptar que veña ninguén de ningún partido a dicirnos 'queremos o número 1 de tal ou cal candidatura'", din a Sermos desde a dirección de En Marea.
Xulio Ferreiro, pola coalición
Nunha posición moi distante da marcada pola dirección de En Marea colocouse esta segunda feira Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña e candidato á reelección por Marea Atlántica. Nun post na súa páxina de Facebook, o ex maxistrado propón concorrer ás xerais como coalición. A súa proposta apunta a unha plataforma máis ampla á de 2016 —naquela altura a candidatura foi tripartita, Anova-Esquerda Unida-Podemos— que inclúa estes tres partidos, as mareas municipalistas como Compostela Aberta e MA e a propia En Marea.
"Vivimos un momento de excepción, é tempo de sermos realistas. Hoxe, lamentabelmente, ningunha das ferramentas que puxemos en marcha coa mellor das intencións representa o conxunto do espazo. Pero todas son representativas de algo moito máis importante cá unhas siglas: o desexo e a demanda de unidade", escribe Ferreiro.
Mais a formulación da coalición —embora máis ampla do que a de 2016—é absolutamente inaceptábel para En Marea, que se vería tratada como un actor máis do proceso e non como o espazo político en cuxo interior se debe verificar a unidade popular.
Este sábado, coordenadora nacional de Anova
E mentres tanto, Anova continúa a mover as súas pezas. A formación liderada por Antón Sánchez, crítica con Villares e partidaria da coalición de partidos antes do que do partido político chamado En Marea, anunciou esta segunda feira que convoca a súa Coordenadora Nacional para o vindeiro sábado, cimeira en que a organización debaterá sobre a súa política de alianzas co 28A no horizonte.
Non hai no comunicado de Anova ningunha referencia expresa á ruptura co villarismo e si apelos ao diálogo: "É fundamental poñer por diante todos aqueles elementos que nos unen e configurar un espazo plural, diverso e de ruptura que sexa quen de opoñerse ao avance do bloque conservador e crear unha sólida alianza para o impulsar o cambio político no Estado e Galicia".