"En ningún caso iremos como coalición"

A dirección de En Marea só contempla o escenario de ir ás xerais como partido

A dirección de En Marea fixa un par de liñas vermellas "clarísimas" perante o xa inminente proceso electoral das xerais. A primeira, a fórmula de concorrencia: "Iremos como partido, de ningunha maneira como coalición", afirman a Sermos fontes da Coordenadora (Executiva) da formación liderada por Luís Villares. A segunda, a realización de primarias. "Non nos imos prestar a que as candidaturas se decidan nunha mesa camilla", alegan. Un discurso ben distinto ao formulado esta mesma segunda feira en FB por Xulio Ferreiro, líder da Marea Atlántica, partidario dunha coalición que desta volta inclúa a propia En Marea como partido.

Plenario de En Marea. 17 de decembro de 2016.
photo_camera Imaxe dun dos plenarios de En Marea

O espazo da unidade popular xa non é o que era e a súa ruptura definitiva é algo máis que unha hipótese sobre a mesa. Porén, a impresión que ten a dirección de En Marea é que a situación aínda non é irreversíbel. Apuntan, por exemplo, ao comunicado emitido por Anova o pasado sábado, unha declaración en que se invocaba a Declaración de Mazarelos e a Asemblea de Vigo, o conclave fundacional en que se fraguou a construción de En Marea como partido instrumental.

"Hai tempo por diante aínda para falar e para chegar a acordos. No minimo até o día 28 de febreiro", puntualizan as fontes da coordenadora de En Marea coas que falou Sermos. Ese día féchase o prazo de presentación das candidaturas ao proceso de primarias no que se elixirán as listas da confluencia para as xerais. En definitiva, diálogo, si, pero a partir da aceptación da legalidade interna de En Marea: as candidaturas teñen que ser votadas nunha elección interna. "Nós non imos aceptar un método de escolla de candidatos que non sexa o das primarias", afirman, a pesar de que desde o sector crítico se teña cuestionado a limpeza do proceso que levou a reelección de Villares como líder da organización. "Non imos aceptar que os candidatos se nomeen a dedo nunha mesa camilla dos partidos [Anova, Eu e Podemos]. Non imos aceptar que ser dirixente deses partidos sexa na práctica un requisito previo para ser candidato. A inmensa maioría dos militantes de En Marea somos independentes", alegan as fontes consultadas.

As novas primarias de En Marea foron convocadas este sábado pasado polo Consello das Mareas (órgano equivalente a un consello nacional) e teñen como principais fitos os días 25 de febreiro (abertura do prazo de presentación de candidaturas), 28 (feche dese prazo), 4 de marzo (inicio da campaña electoral interna), 8 a 10 de marzo (comezo e feche do período de votacións), e 11 e 13 de marzo (proclamación provisional e definitiva dos resultados, respectivamente).

A outra liña vermella para o villarismo é a fórmula xurídica coa que a confluencia concorrerá ás urnas o 28A. A determinación da dirección de En Marea é inequívoca: só contemplan o escenario de ir ás eleccións como partido. "En ningún caso imos presentarnos ás eleccións en coalición. Nin con Anova, EU e Podemos nin con ninguén. Presentarémonos como o que somos, un partido político", enfatizan.

Baixo ningunha circunstancia, destacan, aceptarían reeditar o formato de coalición ensaiado nas eleccións de xuño 2016. "Subordínanos á lóxica de Unidos Podemos, como se acaba de comprobar no debate dos orzamentos", alegan. Non dan a batalla por perdida e acreditan que en último extremo as marcas lideradas na Galiza por Antón Sánchez, Antón Gómez Reino e Eva Solla terminarán por ceder: "Presentámonos como partido nas galegas de outubro de 2016 a pesar de que Podemos era moi reticente a facelo", din. Após un tenso tira puxa, foi o propio Pablo Iglesias quen desde Madrid fechou o debate e, contra o criterio da súa organización galega, acabou por aceptar concorrer a aquelas eleccións formalmente como partido e non como coalición.

"En ningún caso imos presentarnos ás eleccións en coalición. Nin con Anova, EU e Podemos nin con ninguén. Presentarémonos como o que somos, un partido político", enfatizan desde a dirección de En Marea

"O que está claro é que aquí vai haber primarias. Non imos aceptar que veña ninguén de ningún partido a dicirnos 'queremos o número 1 de tal ou cal candidatura'", din a Sermos desde a dirección de En Marea.

Xulio Ferreiro, pola coalición

Nunha posición moi distante da marcada pola dirección de En Marea colocouse esta segunda feira Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña e candidato á reelección por Marea Atlántica. Nun post na súa páxina de Facebook, o ex maxistrado propón concorrer ás xerais como coalición. A súa proposta apunta a unha plataforma máis ampla á de 2016 —naquela altura a candidatura foi tripartita, Anova-Esquerda Unida-Podemos— que inclúa estes tres partidos, as mareas municipalistas como Compostela Aberta e MA e a propia En Marea.

"Vivimos un momento de excepción, é tempo de sermos realistas. Hoxe, lamentabelmente, ningunha das ferramentas que puxemos en marcha coa mellor das intencións representa o conxunto do espazo. Pero todas son representativas de algo moito máis importante cá unhas siglas: o desexo e a demanda de unidade", escribe Ferreiro.

Mais a formulación da coalición —embora máis ampla do que a de 2016—é absolutamente inaceptábel para En Marea, que se vería tratada como un actor máis do proceso e non como o espazo político en cuxo interior se debe verificar a unidade popular.

Este sábado, coordenadora nacional de Anova

E mentres tanto, Anova continúa a mover as súas pezas. A formación liderada por Antón Sánchez, crítica con Villares e partidaria da coalición de partidos antes do que do partido político chamado En Marea, anunciou esta segunda feira que convoca a súa Coordenadora Nacional para o vindeiro sábado, cimeira en que a organización debaterá sobre a súa política de alianzas co 28A no horizonte.

Non hai no comunicado de Anova ningunha referencia expresa á ruptura co villarismo e si apelos ao diálogo: "É fundamental poñer por diante todos aqueles elementos que nos unen e configurar un espazo plural, diverso e de ruptura que sexa quen de opoñerse ao avance do bloque conservador e crear unha sólida alianza para o impulsar o cambio político no Estado e Galicia".

Comentarios