O sector crítico planta a reunión

A dirección de En Marea propón mudanzas técnicas para retomar as votacións

O Consello das Mareas –máximo órgano político do partido– decidiu na mañá do sábado propoñer unha serie de mudanzas técnicas no sistema de votacións co fin de dotar o proceso eleitoral de maiores garantías. O sector crítico plantou a reunión da dirección ao considerala unha “estafa”.

fbc02bcf-ddfa-4b59-b7a2-0179d66c2f55
photo_camera [Imaxe: En Marea]

O máximo órgano de dirección de En Marea, o Consello das Mareas, reuniuse na mañá do sábado por vez primeira após a suspensión das eleccións internas. Con posterioridade á reunión, na que decidiu non participar o sector crítico, Luís Villares, portavoz de En Marea expuxo unha serie de medidas acordadas en aras de garantir o “restabelecemento da confianza”.

Despois de que Gonzalo Rodríguez, membro da Coordinadora de En Marea e representante do partido diante da Axencia Española de Protección de Datos, explicase cronoloxicamente os feitos que tiveron lugar desde que se detectaran as irregularidades denunciadas perante a Fiscalía, Villares salientou que os principios que guiaron o Consello das Mareas no proceso de eleccións internas foron “a transparencia, a ética e as garantías”. 

“Desde o primeiro momento, comunicamos cales eran os feitos graves e de peso que entendiamos que concorrían”, explicou. Tamén decidiron, expuxo, “actuar e non mirarmos para outro lado”. E na reunión deste sábado acordaron seis medidas de cara a recuperar a confianza no proceso electoral.

As medidas adoptadas

As medidas adoptadas polo Consello das Mareas, e que foron comunicados á Comisión de Ética e Garantías co fin de que este órgano levante os reparos para o desenvolvemento ordinario das votacións son o cambio da empresa xestora do ficheiro informático que contén o censo electoral; o cambio da empresa xestora das votacións; a implementación do sistema de confirmación de voto por SMS; a renovación das claves de acceso á plataforma no momento da votación; a contratación dun servizo de autorización de votación externa que garanta a limpeza e a implementación na papeleta do nome completo das persoas que conforman cada candidatura. Precisamente, a falta do nome das candidatas e candidatos na papeleta enfrontara o sector crítico co oficial.

Está agora na man da Comisión de Ética e Garantías determinar se con estas mudanzas propostas polo Consello pode aprobarse a continuidade do proceso electoral

Segundo deu a coñecer Villares na rolda de imprensa, está agora na man da Comisión de Ética e Garantías determinar se con estas mudanzas propostas polo Consello pode aprobarse a continuidade do proceso electoral. En relación ás cuestións que teñen a ver coa organización dos locais de votación ou das ordes para que desde a dirección se envíe información institucional sobre as candidaturas, o portavoz de En Marea afirmou que é algo que compete ao Comité Electoral, órgano en que é maioría o sector crítico.

“Non nos compete a nós poñer data”, acrecentou Villares. Unha vez que a Comisión de Ética e Garantías levante o veto, será o Comité Electoral quen poña sobre a mesa a data das votacións.

O sector crítico planta o Consello das Mareas

O sector crítico de En Marea plantou a xuntanza da dirección por entender que era “unha burla e unha estafa”. Momentos antes de comezar a reunión do Consello das Mareas, Oriana Méndez, Paula Rodríguez e Daniel Calvete comparecían perante os medios para anunciaren que non participarían da xuntanza convocada.

Calvete explicou aos medios que a renuncia a participar do Consello das Mareas vén motivada porque a reunión “é unha burla e unha falsa”. “Houbo un plenario no que se tomaron unha serie de acordos que non se están cumprindo”, advertiu o membro do sector crítico, que considera a Coordinadora de En Marea –quen decidiu bloquear as primarias– “un órgano en funcións que usurpa as funcións do Comité Electoral”. De aí que considere que a reunión convocada para este sábado non tiña “sentido ningún”.

Aliás, Calvete puxo de manifesto que “está demostrado que non houbo manipulacións do censo” e exixiu convocar as eleccións “de maneira inmediata”.

Preguntado polos medios a respeito do abandono da reunión por parte do sector crítico, Villares sinalou que respeita a decisión, mais afirmou que “sería conveniente a permanencia no Consello para poder debater e deliberar”. Gonzalo Rodríguez engadiu que “hoxe informarmos dos resultados das auditorías” e vimos, dixo, “novas contradicións destas persoas”. “Isto é de Filosofía de terceiro, se queres ver as probas, tes que acudir a onde se poden presentar e analizar”.

Por outra banda, en relación á petición de parte do sector crítico de retirar a información enviada á Fiscalía, Villares puxo de manifesto que “non imos encubrir feitos que lesionan os principios que nos trouxeron á política”. “Pídesenos que fagamos a vista gorda e non podemos” polo “compromiso ético coas persoas inscritas”.

Gonzalo Rodríguez: "Ao mellor Esquerda Unida ten algunha información da que nós carecemos"

En relación ao comunicado de Esquerda Unida en que se atribúe á Coordinadora de En Marea a “obstrución” do proceso de eleccións e acusacións de manipulación do censo, Gonzalo Rodríguez asegurou que “nunca nomeamos ningunha organización”. “Ao mellor EU ten algunha información da que nós carecemos”, concluíu.

Comentarios