ELECCIÓNS GALEGAS

A Dirección de CxG enceta o camiño cara a unha "alianza electoral con vocación galega"

O Consello Político Nacional de Compromiso acordou na mañá do sábado “explorar unha alianza electoral con vocación galega” de cara ás eleccións galegas, sen ningún veto “á incorporación de calquera forza política”.

bascuas

Compostela acolleu na mañá do sábado a reunión do Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia, que acordou encetar a folla de ruta de cara ás próximas eleccións galegas. O máximo órgano de Dirección resolveu, cunha “posición maioritaria”, “explorar unha alianza electoral con vocación galega, para a concorrencia ás eleccións galegas de 2016, sen veto á incorporación de calesquera forzas políticas”.

Para camiñar cara á unha “candidatura única galega”, Compromiso delegou na Comisión Executiva a apertura das negociacións. O dirixente da formación, Xoán Bascuas, puxo de manifesto que o acordado na mañá do sábado “tan só implica a apertura de conversas e negociacións de cara a construír unha gran candidatura galega, pero en ningún caso implica alianzas concretas, pois en Compromiso quen decide cara onde se camiña é a afiliación”.

A convención electoral na que a militancia tomará a palabra terá lugar no mes de abril, segundo informou Bascuas. Nese momento, Compromiso por Galicia “decidirá finalmente a súa opción de concorrencia ás eleccións galegas deste ano”.
 

Comentarios