Dioivo de críticas a Sanidade polas demisións na comisión de bioética

A saída de 7 das 15 persoas que integran o órgao respondeu ao rexeitamento da consellaría de publicar un informe sobre 'Desigualdades na asistencia sanitaria'. A oposición pide a destitución de Mosquera mentres Feijóo se mantén á marxe.

Rocío Mosquera
photo_camera Rocío Mosquera [Imaxe Xunta]

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, non deixa de se situar no albo das críticas. Após ser declarada "persoa non grata" polos plenos da Deputación e o Concello de Lugo --perante a falta de servizos básicos no HULA-- esta terza feira volveu ao punto de mira logo de presentaren a súa demisión 7 das 15 persoas que integran a comisión de bioética. 

A súa saída deixa este órgao asesor sen a metade das persoas que a integran, principalmente profesionais sanitarios, e debeuse --segundo explicaron algúns dos seus membros, ao rexeitamento amosado pola consellaría a respeito da publicación do informe 'Desigualdades na asistencia sanitaria'. Neste estudo, a comisión expón carencias e deficiencias na prestación dos servizos sanitarios como os coidados paleativos ou a confidencialidade a respeito dos dados d@s doentes. 

Segundo o catedrático en Fisioloxía da USC, Fernando Domínguez, o obxectivo da súa renuncia visa exixir a "independencia que agora non ten" a comisión ao entenderen que a negativa de Sanidade a respeito da publicación do informe responde ás críticas que nel subxacen á xestión do Sergas. Da mesma maneira, o até onte vice-presidente da comisión, Juan Antonio Garrido, asegurou que as demisións responden á imposibilidade de exerceren o "único" cometido da comisión de acordo cos seus estatutos, "velar pola protección dos dereitos fundamentais" d@s doentes. 

Desde a Consellaría quixeron quitar ferro ao asunto asegurando que non se tratou dun veto senón que a comisión de bioética "asesora" polo que non todos os informes e estudos se publican. 

BNG, AGE e PSOE piden o cesamento de Mosquera

Desde as forzas da oposición exixiron o cesamento da responsábel de Sanidade, Rocío Mosquera, polo que coidan un "grao de arrogancia fóra do normal", en verbas de José Luís Méndez Romeu (PSOE) e unha xestión que "vampiriza" a sanidade pública en beneficio da privada, sinalou Jorquera (BNG). Desde AGE, Xosé Manuel Beiras pediu a demisión do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo por ser "corresponsábel" do que atinxe a Sanidade. 

Feijóo non respalda a Mosquera e evita posicionarse sobre o conflito

Porén, desde San Caetano, Feijóo quixo esquivar as preguntas d@s xornalistas en relación coas demisións na comisión de bioética e limitouse a afirmar que "sobre o informe concreto e a cuestión concreta, seguro que ela [Rocío Mosquera] pode dar unha resposta concreta". A seguir, mudou de tema de conversa. O presidente da Xunta evitou desta maneira respaldar a responsábel de sanidade, unha das persoas cuxa xestión está a ser máis criticada nos últimos meses.  

Comentarios