Dimiten outros catro edís de Ciudadanos pola lea na Deputación de Ourense

Outros catro membros de Ciudadanos, todos eles edís en varios municipios, anunciaron a súa marcha do partido e o seu paso ao grupo do non adscritos tras as decisións "unilaterais" adoptadas pola dirección nas últimas semanas con respecto á Deputación de Ourense.

Sede de Ciudadanos na Galiza (Imaxe: Ciudadanos).
photo_camera Sede de Ciudadanos na Galiza (Imaxe: Ciudadanos).

En concreto, abandonan a formación laranxa os tenentes de alcalde de Punxín e Taboadela, Eulogio González Barreiro e Roberto Blanco Vázquez, respectivamente; ademais do concelleiro en Vilar de Barrio Óscar Seguín Lamelas e do edil en Maceda Emiliano Rodríguez González. Todos eles manterán os seus cargos nos seus concellos.

Estas marchas coñécense un día despois da dimisión do coordinador provincial, Manuel Ribao, e a da única representante de Ciudadanos na Deputación de Ourense, Montserrat Lama, que avanzou que trataría de dar "estabilidade" ao Goberno do presidente provincial, o popular Manuel Baltar.

A través dun escrito remitido aos medios, os catro edís que abandonan a formación laranxa cargan contra as decisións "unilaterais" adoptadas nos últimos días: "O partido en ningún momento tivo en conta nin se preocupou pola opinión dos concelleiros e do coordinador provincial sobre temas que se referían á Deputación".

Esta mesma semana transcendía que a dirección de Ciudadanos rexeitara dúas ofertas procedentes tanto do PSOE, que trataba de promover unha moción de censura contra Baltar, como dos populares, que lle ofreceron a Montserrat Lama unha Vicepresidencia para reforzar a gobernabilidade.

"Entendemos que a Deputación somos todos, e neste caso, as decisións tomáronse de maneira unilateral, cunha total falta de transparencia e sen ter en conta as nosas opinións", censuran o catro concelleiros que marchan.

Apoio a Montserrat Lama

Ademais, expresan no seu escrito o seu apoio a Montserrat Lama, que "sempre tivo en conta" a súa opinión, "cousa que desde o partido endexamais se fixo". "Rexeitamos todo o ocorrido nestes días atrás e manifestamos que non compartimos a visión" de Ciudadanos, ao que acusan de pretender "sacar réditos políticos no medio dunha crise tan grave".

Tras coñecer as catro renuncias, Ciudadanos esíxelles a todos eles que entreguen as súas actas de edís "por coherencia persoal e respecto aos principios éticos".

Comentarios