Dimite García Egea mentres Casado dilucida o seu futuro

O líder popular, que podería dimitir nas próximas horas, convocará finalmente a vindeira terza feira a Xunta Directiva Nacional do PP para pór data a un congreso extraordinario.
Teodoro García Egea abandona co rostro serio a reunión desta segunda feira (Foto: Óscar J.Barroso / AFP7 / Europa Press).
photo_camera Teodoro García Egea abandona co rostro serio a reunión desta segunda feira (Foto: Óscar J.Barroso / AFP7 / Europa Press).

Fontes da cúpula do Partido Popular veñen de informar da dimisión que o secretario xeral Teodoro García Egea, tería comunicado esta mesma tarde por mor da presión dos 'baróns' populares, malia resistirse a dar o paso na mañá desta terza feira.

Namentres, o líder do PP, Pablo Casado, medita o seu futuro tras as múltiples desercións de cargos do seu equipo e colaboradores máis próximos no medio da profunda crise interna que vive o partido, e non oculta a súa "aflición e abatemento" polo que está a suceder e que "non merece", segundo indicaron a Europa Press fontes da súa contorna.

Casado convocou esta cuarta feira aos baróns territoriais a unha reunión na sede do PP —prevista ás 20 horas-—para tentar buscar unha saída á crise e achegar posicións sobre a convocatoria dun congreso estatal do partido. Previamente, acudirá á primeira hora da mañá á sesión de control ao Goberno no Pleno do Congreso, onde ten previsto formular unha pregunta ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, como fai cada cuarta feira.

Nas últimas horas foron en aumento os cargos que piden a marcha de Casado e a convocatoria urxente dun congreso extraordinario. Case todos eles miran ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para que tome as rendas do PP e abra unha nova etapa.

Casado, só

Paralelamente, empezáronse a producir dimisións no comité de dirección do PP e numerosos cargos afíns que o abandonaron. Nesta situación de soidade, rodeado xa só do seu equipo máis fiel, fontes próximas a Casado non ocultan a súa indignación polo "escarnio" que está a sufrir o presidente do partido. "É un trato inxusto, que non merece", aseguran estas fontes.

Ademais, subliñan que a Casado "sempre o guiou a procura da exemplaridade" na súa actuación coa presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, tras chegar ás súas mans datos sobre o contrato sanitario de máscaras en plena pandemia. Con ese obxectivo, engaden, reclamoulle unha aclaración de "forma discreta" e lamentan que o equipo da presidenta madrileña fixese público este asunto e acusase á cúpula do PP de presunta espionaxe, algo que, segundo estas fontes, "nunca" se produciu.

Congreso extraordinario

Finalmente, Casado convocou a vindeira terza feira a reunión da Xunta Directiva Nacional do PP para organizar o XX congreso nacional do partido, que terá carácter extraordinario, segundo informaron fontes do partido.

Nas últimas horas, numerosos cargos do núcleo duro de Pablo Casado pediron publicamente a convocatoria dese conclave extraordinario, como Cuca Gamarra, Javier Maroto, Ana Pastor ou Andrea Levy, e sinalaron que esa petición xa a trasladaron este martes na reunión do comité de dirección, que se prolongou máis de dúas horas. A reunión da Xunta Directiva será finalmente o próximo 1 de marzo.

Seguen chegando apoios a Feixoo

Namentres, cada vez máis voces súmanse en público e en privado ao proxecto de Alberto Núñez Feixoo. Algúns deles cren que o mellor sería ir a un congreso extraordinario cunha candidatura única encabezada polo 'barón' galego para evitar máis fracturas internas e coser o partido. Feixoo xa ten apoios seguros en AndalucíaMadridCastela e León e Cantabria.

O portavoz do Goberno madrileño que dirixe Isabel Díaz Ayuso, Enrique Osorio, sinalou que o presidente da Xunta é a "mellor" opción para liderar o PP e criticou que a actual dirección estatal busque gañar tempo cando "o xuízo dos militantes" está ditado. Tamén expresou publicamente ese apoio a Núñez Feixoo a presidenta do PP de Cantabria, María José Sáenz de Buruaga, que cre que Casado debe dar un "paso ao lado", ou o alcalde de Málaga, Francisco de la Torre, que ve o barón galego como "un gran activo".

Pola súa parte, o presidente do PP de Aragón, Jorge Azcón, moi próximo até o de agora a Casado, afirmou que Feixoo "é o dirixente territorial en Europa que mellor pode acreditar o éxito" polas súas "catro maiorías absolutas" á fronte da Xunta. O PP aragonés reclamou tamén un congreso extraordinario para acabar "con esta etapa" e abrir "unha nova".

Ese apoio a Feixoo tamén veu da exportavoz do Grupo Popular no Congreso Cayetana Álvarez de Toledo, quen ve no presidente da Xunta a opción parar pilotar a transición no PP até a celebración dun congreso. Iso si, animou a concorrer a ese conclave a Isabel Díaz Ayuso, aínda que ela mesma se autodescartou esta segunda feira mesmo asegurando que o seu "sitio" é Madrid.

Tamén fontes do PP andaluz apuntaron esta terza feira que avogan por convocar o congreso nos vindeiros 30 días para obter un proxecto "a longo prazo" liderado por Núñez Feixoo.

Comentarios