Dimite o alcalde de Riós após aprobar a supresión do seu salario pola débeda do Concello

"Non é de recibo que o alcalde abandone o barco cando hai dificultades económicas", sentencian no PSOE.
O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Riós, Francisco Armanda Veiga. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Riós, Francisco Armanda Veiga. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga, avanzou nun pleno decorrido nesta segunda feira a súa intención de renunciar ao seu cargo que ocupa desde 1993. Faino despois de presentar un plan de axustes para o Concello, que actualmente está a sufrir "dificultades financeiras", e que conleva a supresión do seu salario público.

Segundo afirmou o propio rexedor do Partido Popular (PP) a Europa Press, non decidiu marcharse por motivos "económicos", senón porque cre que é o momento de "dar paso ás novas xeracións" . A pesar da crítica situación financeira, Veiga asegurou sentirse "orgulloso" de deixar un municipio "con todos os servizos", 

"Marcho por motivos persoais", trasladou, ao tempo que asegurou que xa informou das súas intencións hai meses tanto ao presidente do PP en Ourense, Manuel Baltar, como ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

O alcalde desvinculou a súa marcha das dificultades económicas que atravesa o municipio, algo que si lle bota en cara o Partido Socialista (PSOE) emitiu un comunicado no que o acusa de "abandonar a nave e abandonar o Concello", deixándoo á deriva e "sumido nunha situación económica "catastrófica".

Débeda de máis de 325.000 euros

Veiga lamentou a postura dos socialistas e defendeu que podería seguir como alcalde sen que fose un impedimento para que o Consistorio acceda ao crédito que precisa, pero "chegou o momento de ceder".

A pesar das xustificacións do alcalde, os socialistas denunciaron que o Concello de Riós "ten que facer fronte a unha débeda de máis de 325.000 euros", pola que agora terá que recorrer a un préstamo e someterse a un plan de saneamento, o que supón "hipotecar" o Concello "para os próximos 12 anos".

Os socialistas acusan o rexedor do PP e o seu equipo de goberno de ser "culpábeis desta situación", e cualifican "de gravidade extrema" que  amose a súa intención de marchar "cando veñan mal dadas". Argumentan que Veiga pretende dimitir "porque o Concello non pode facer fronte ao seu elevado soldo público".

"Non é de recibo que o alcalde abandone o barco cando hai dificultades económicas", sentencian no PSOE.

Comentarios