sábado 06.06.2020

Diego Calvo tuitea o seu apoio a Casado e Alfonso Rueda redifunde o chío

O mesmo día en que Feixóo tildou de falta de respecto aos delegados usar a "preeminencia" dos cargos para influír no congreso, o presidente da organización provincial da Coruña, Diego Calvo, utilizou twitter para respaldar a opción de Pablo Casado.

Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña
Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña

Baltar, presidente provincial de Ourense, está con Santamaría, Diego Calvo, da Coruña, con Casado. Alfonso Rueda, de Pontevedra, e vicepresidente da Xunta, retuiteou o chío de Calvo. Un apoio máis para Casado. Non lles prestou por tanto nen a Calvo nen a Rueda o consello de non inxerencia lanzado por Feixóo na rolda de imprensa desta cuarta feira após o consello da Xunta.

En realidade, a situación é tremendamente volátil e as presións entre bastidores son moi intensas, así que todo pode variar dun minuto para outro. Nin sequera se pode desbotar que finalmente Feixóo se desminta a si propio e acabe por sinalar dixitalmente, e sen sombra de dúbida, que a súa aposta neste congreso se chama Pablo Casado.

Canto á distribución dos apoios no conxunto dos 320 compromisarios galegos ao Congreso -273 eleitos polas bases, 6 de Novas Xeracións e 41 natos-, todo indica que a repartición se mantén nos termos dos que veu dando conta Sermos: 60 por cento para Casado, 40 para Soraya. Hai que ter en conta aquí que Ourense, dado o peso da súa militancia e embora o seu menor peso demográfico, ten case tantos compromisarias e compromisarios do que A Coruña: 73 fronte a 78 (Pontevedra é a máis representada, con 84, en tanto que Lugo é a que menos, con 44).

Alén do máis, o grao de cohesión da delegación ourensá arredor da opción de Soraya —que xa gañou nesa circunscrición o 5X— é verosimilmente maior do que poda ter o conxunto das e dos compromisarios coruñeses por volta da candidatura de Casado.

Diego Calvo tuitea o seu apoio a Casado e Alfonso Rueda redifunde o chío
comentarios