Da manifestación en Compostela ao Rianxo de Castelao: Axenda de actos para o Día da Patria

A axenda do 25 de xullo para as distintas formacións políticas.
Día da Patria Galega no ano 2019. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Día da Patria Galega 2019

A axenda das distintas formacións políticas galegas para este 25 de xullo adáptase aos protocolos de protección sanitaria coa redución do número de eventos e a aplicación do distanciamento social nas súas manifestacións, ademais de lembrar á militancia o obrigado uso das máscaras.

O Partido Socialista Galego fai de Rianxo epicentro dos seus actos un ano máis neste 25 de Xullo. Ás 11.30 horas, perante a estatua de Daniel Castelao interveñen a voceira do partido en Rianxo, Carmen Figueira, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, a ex presidenta do Parlamento da Galiza, Lola Villarino, a portavoz de Cultura da formación, Noa Díaz, o presidente do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, o ex ministro de Xustiza con Rodríguez Zapatero, Francisco Caamaño e o secretario xeral, Gonzalo Caballero.

En Compostela xúntase o Bloque Nacionalista Galego, baixo a lema 'Galiza sen límites',  nunha manifestación que retoma o seu percorrido habitual polas rúas do casco vello, con saída ás 12 horas da Alameda de Compostela e remate na Praza da Quintana. A intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, porá fin á xornada, onde se conta coa presenza de diferentes delegacións internacionais.

Anova regresa esta ano ao compostelán parque de Galeras. A súa xornada bota a andar ás 11 horas cunha mesa redonda sobre as loitas sociais na Galiza, coa participacións de representantes de diversos colectivos sociais, para continuar ás 12 horas cun debate sobre municipalismo, onde van estar presentes algunhas candidaturas locais, e remata ás 13.30 horas coa intervención do portavoz nacional, Antón Sánchez.

Por outra banda, a Alameda de Compostela acolle a saída de dúas marchas convocadas por diversas forzas. A primeira delas, por Agora Galiza, con forzas políticas como o PCPE ou o PC (M-L) arranca ás 12.30 e remata ás 13.30 na praza do Pan, cun acto político e unha actuación musical de Xosé Constela. A segunda, organizada polas Assembleias Abertas Independentistas, parte ás 13 horas.

Misa e ofrenda floral en recordo a Rosalía de Castro

Ás 17 horas, tamén en Compostela, o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participan na misa e ofrenda floral en recordo a Rosalía de Castro, no Panteón de Galegos Ilustres.

Medallas de Galiza

En Santiago de Compostela, comeza o acto ás 12 horas coa cerimonia civil e posterior cerimonia da Ofrenda ao Apóstolo presidida por Felipe VI, na Praza do Obradoiro; ás 14 horas, os reis asinan no Libro de Ouro da cidade, no Pazo de Raxoi. Xa pola tarde, ás 17 horas, Felipe VI; o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo; e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, participan na reunión do Real Padroado de Santiago. Ás 18.30 horas, o rei Felipe VI, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, participan na cerimonia das Medallas de Galiza 2021, no Museo Centro Gaiás.

Comentarios