As 10 propostas que Feixoo leva á Conferencia de Presidentes

Entre as propostas que ten en carteira Alberto Núñez Feixoo está a creación dunha lei de pandemias a nivel estatal -algo do que falou esta cuarta feira após acordarse o levantamento do recurso ante o Constitucional pola Lei Galega de Saúde-, a ampliación do uso do fármaco de Janssen na vacinación e a chegada de máis doses a nivel xeral.
Alberto Núñez Feixoo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, leva a súa propia batería de ideas para saír da crise económica e sanitaria á Conferencia de Presidentes que decorrerá esta sexta feira en Salamanca. Entre as iniciativas que achegará o político galego están a apertura do uso da vacina de Janssen a un sector maior da poboación e tamén, por exemplo, a creación dunha normativa de pandemias ao fío da Lei Galega de Saúde.

No encontro desta sexta feira en Salamanca, Feixoo presentará un decálogo de ideas que tamén poderían servir para afrontar o reto demográfico. No entanto, a principal preocupación do presidente é que o Goberno español "siga traballando" para que chegue un maior número de vacinas ao estado, de maneira que a subministración dos remedios fronte á Covid-19 se acelere.

Outra das peticións que pensa facer é se amplíe o uso de Janssen a máis xente porque "o protocolo español é máis cauto do que determina a propia ficha técnica do fármaco". Neste sentido, Feixoo sostén que a recomendación permite que se inocule a persoas maiores de 18 anos pero a Estratexia Nacional de Vacinación só admite o tratamento en certos colectivos.

A vacinación nas menores

En liña con esta preocupación pola campaña de vacinación, tamén quere que se planifiquen os próximos meses. A Xunta considera que a posíbel necesaria administración dunha terceira dose ou o resultado dos ensaios clínicos de uso dos medicamentos en menores de 12 anos condicionarán "enormemente" o futuro do dispositivo, tanto desde o punto de vista dos recursos humanos como desde o loxístico.

Feixoo incidirá en que o tratamento das crianzas e adolescentes terá "un gran impacto na organización dos protocolos dos centros educativos, polo que o Goberno central e as Comunidades deberían comprometerse a pechar no mes de agosto un calendario estimado nestes ámbitos para que os servizos sanitarios e os educativos poidan "planificar con antelación" a organización destes procesos.

Outra das ideas para as que quere acadar apoios é a creación dun sistema de código QR que permita analizar os certificados dunha forma máis sinxela e rápida, "así como avisar da súa caducidade pasados os seis meses ou mostrar a validez das probas PCR ou antíxenos realizadas nas 48 ou 72 horas previas".

Unha das propostas estrela será a de crear unha lei de pandemias, toda vez que se vai retirar o recurso pola posíbel inconstitucionalidade da Lei Galega de Saúde.

Economía e demografía

No que se refire á vertente económica, pedirá maior "transparencia" co reparto dos fondos europeos Next Generation e que os diferentes territorios xestionen o 50% do mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Así mesmo, o dirixente galego exporá que Goberno estatal e territorios acorden fixar en breve os criterios de preparación e selección das candidaturas nos proxectos público-privados e nos de carácter estratéxico (Perte).

Xa a nivel demográfico quere que se retome o diálogo dunha estratexia global. En décimo lugar solicitará que os territorios sexan potenciais beneficiarios das subvencións para proxectos innovadores de transformación territorial e loita contra o despoboamento que está a deseñar o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Comentarios