Destrozan en Vigo o despacho dun avogado da querela arxentina contra o franquismo e deixan lemas de 'Tortura al rojo'

Descoñecidos entraron no bufete de Gustavo García, xurista da Fundación Galega contra a Impunidade. No bufete, acoitelaron cadros e deixaron excrementos no chan, para alén de pintadas como 'Viva el fascio'.

gustavogarcia
photo_camera Foto: Memoria Histórica

Segundo informa Faro de Vigo, na madrugada do domingo á segunda feira, un grupo de descoñecidos accedeu a un despacho ubicado na rúa Mestre Mateo de Vigo para provocar destrozos e deixar pintadas ameazantes de claro contido españolista e de extrema-dereita. Non era un bufete calquera, senón que era o de Gustavo García, xurista que estivo vencellado á CIG e que agora ocupaba, lembra o xornal vigués, a secretaría da Fundación Galega contra a Impunidade.

García tomou parte na querela presentada por Arxentina polos crimes do franquismo. Xa que logo, alguén que esperta a xenreira da ultra-dereita española. E esa xenreira deixouse ver na madrugada: entraron no despacho e acoitelaron cadros e fotografías, romperon mobiliario, destrozaron faixas que lembraban os crimes do franquismo en Galiza, pintaron esvástica e lemas como 'Tortural al rojo' e 'Viva el fascio'... e mesmo deixaron excrementos no chan.

Comentarios