Desmontamos o mito da Galiza subsidiada

O sistema de concerto económico, ou cupo, sería sustentábel para Galiza. Así o evidencian os dados que pomos sobre a mesa na información recollida no Sermos Galiza 230, á venda nos quiosques e na loxa. Eis un extracto.

Desde hai anos, principalmente desde que o movemento independentista en Catalunya conquiriu cotas insólitas, o Estado apóiase nos resultados das balanzas fiscais para arrefriar na opinión pública as arelas da Generalitat. Non é neutral nin casual a intención do Goberno central de reducir o asunto a un único indicador –as balanzas fiscais e, ademais, cunha metodoloxía, a de carga-beneficio, que, paradoxalmente, non emprega a Unión Europea co Estado español- obviando outros elementos de xuízo como a balanza comercial, os fluxos económicos e mesmo o saldo enerxético, que no caso de Galiza teñen unha importancia crucial.

5 (1)As conclusións do Proceso Adiante encetado polo nacionalismo galego achegan dados interesantes: en 2015, a diferenza entre o que o Estado recada en Galiza e o que Galiza recibe a través de transferencias atinxiu os 4.000 millóns; nese período, ademais, expatriáronse perto de 15.000 millóns de euros dos aforros das galegas e dos galegos para financiar créditos noutras zonas do Estado; e tamén existen máis de 4.000 empresas que non tributan en Galiza malia desenvolver aquí gran parte da súa actividade económica ou aproveitarse dos seus recursos.

Hai, con todo, estudos máis recentes. O último, o do economista e ex deputado Xosé Díaz, As contas que nos contan, un traballo que vén de editar Sermos Galiza e que cuestiona a idea dunha Galiza “dependente” e beneficiada pola solidariedade do Estado. “Non é tal, nin moito menos”, comeza o autor. “Por exemplo, o sistema actual estima que en 2014 o custo total das competencias transferidas ascendeu a 7.043 millóns reais; mentres, os impostos soportados polo galegos chegaron aos 11.131 millóns. O que Galiza gañaría cun sistema de concerto resulta evidente atendendo a estes números”.

[Podes ler a información íntegra no número 230 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]

Comentarios