O FORO POLíTICO AO QUE CHAMAN IPU E MAREA SERÁ ESTA SEMANA

Os partidos valoran a convocatoria das plataformas a prol da unidade

Preguntados por Sermos Galiza en relación á súa disposición a acudiren á convocatoria realizada polo Encontro cidadán por unha Marea Galega e Iniciativa pola Unión, as formacións políticas respóndennos de maneira desigual.

Iniciativa pola Unión
photo_camera Iniciativa pola Unión

O pasado sábado dabamos conta do acordo entre o Encontro cidadán por unha Marea Galega e de Iniciativa pola Unión para convocar de maneira formal os partidos políticos que traballan para conseguir unha candidatura unitaria de cara ás vindeiras eleccións xerais. Preguntámoslles ás formacións políticas sobre este encontro que, segundo fontes das plataformas, terá lugar entre a quinta feira e o sábado desta mesma semana e que tería como obxectivo constituír un "foro político" en que se perfilen os "aspectos esenciais que permitan a construción dunha candidatura de unidade popular

Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG, pon de manifesto que a formación nacionalista “nunca se opuxo a participar en ningún tipo de foro para trasladar os seus posicionamentos políticos”. Advirte de que o Bloque “é consciente de que hai un pre acordo que vincula tres organizacións políticas” -Anova, EU e Podemos- e afirma que a reunión que teña lugar a finais desta semana “non vai supoñer ningún tipo de atraso na configuración da candidatura galega”, pois os prazos apremian.

O obxectivo das plataformas é que os partidos conflúan con elas nun "foro político" en que se constitúan "os aspectos esenciais que permitan a construción dunha candidatura de unidade popular"

Yolanda Díaz, coordinadora de IU en Galiza, sinala que “de momento, non nos chegou ningunha convocatoria formal das plataformas. Coñecemos o comunicado conxunto que enviaron pero non temos ningún outro dato, de aí que cando recibamos a convocatoria debateremos na Executiva”, sinala. Ademais, apunta que EU está “á espera” de manter “un encontro formal co BNG, porque tivemos encontros informais pero ningún formal”.

Manoel Santos, responsábel da Comunicación na Permanente de Anova, apunta que “non poderemos dicir nada até os próximos días”. “A Permanente de Anova reunirase a terza feira e a partir de aí valorarase todo”.

Mario López Rico, dirixente de Cerna, valora de maneira positiva o chamado das dúas plataformas. “A estas alturas, que todo o mundo está a dicir o mesmo, non hai xustificación ningunha para que se se chegue a un entendemento de cara á configuración dunha candidatura única galega”.

Compromiso por Galicia emitiu un comunicado no que anuncia a convocatoria dunha convención para este sábado, 24 de outubro, en Compostela para decidir a súa fórmula de concorrencia ás eleccións xerais. O debate, segundo a organización, será “realmente horizontal, participado, construído desde abaixo e responderá á vontade maioritaria da nosa afiliación”.

Sermos Galiza tratou de poñerse en contacto con Podemos sen éxito.

Comentarios