Derradeiro mes de estado de alarma, "esperemos", di Sánchez

O presidente do Goberno español confirmou neste sábado, 16 de maio, que solicitará unha nova prórroga ao Congreso, desta volta de catro semanas. Por outra banda, desbotou implicitamente apoiar a "taxa covid" proposta polo seu socio de coalición.
EuropaPress_3087463_presidente_gobierno_pedro_sanchez_sesion_control_ejecutivo_congreso_madrid
photo_camera O Goberno de Pedro Sánchez negocia xa cos grupos no Congreso o apoio a unha nova prórroga do estado de alarma (Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou que a próxima semana pedirá ao Congreso dos Deputados unha nova prórroga do estado de alarma, mais nesta ocasión será por un período dun mes.

"Agardamos que sexa o derradeiro", afirmou Sánchez na súa comparecencia deste sábado, 16 de maio, na Moncloa. "O camiño que estamos a seguir é o único posíbel", indicou, á vez que garantiu que "todos os dereitos e liberdades continúan intactos".

O presidente explicou que o ministro de Sanidade, Salvador Illa, será o mando único neste novo período dun mes, baixo o sistema de coordinación coas autonomías que se denominou "cogobernanza".

"Neste estado de alarma producirase unha desescalada institucional. A única autoridade delegada do Goberno será o ministro de Sanidade e decaerán nel as facultades especiais que se concederon aos outros ministerios", indicou.

O presidente recordou que os feitos demostraron que non se podía confiar na inmunidade comunitaria e defendeu a necesidade de limitar a mobilidade e os contactos sociais. "A esa lóxica responde a desescalada".

'Taxa covid'

Por outra banda, a preguntas dos xornalistas, Sánchez desbotou implicitamente apoiar a proposta dun imposto ás grandes fortunas, a coñecida como "taxa covid", proposto nesta semana por Unidas Podemos, partido co que goberna en coalición.

"O programa de Goberno é o que pactou a coalición e é a folla de ruta con maior vixencia e actualidade", afirmou, e sinalou que a proposta deberá "debaterse e substanciarse" na Comisión para a Reconstrución que se desenvolverá no Congreso, tal e como propuxera o grupo confederal.

En Unidas Podemos defenderon que existe un acordo co PSOE para dar forma a este imposto, aínda que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, asegurou que non contemplaba a creación de novas figuras impositivas.

Comentarios