O dereito á autodeterminación chega ao Congreso grazas a unha proposta de BNG, Amaiur e ERC

As tres formacións soberanistas -BNG, Amaiur e ERC- levarán a vindeira terza feira á Cámara española o debate sobre o dereito a decidir dos pobos a través dunha proposición non de lei conxunta. Unha iniciativa que chega tras o reiterado veto da mesa do Congreso a tramitar unha lei que recoñeza o dereito a decidir.

Deputad@s de BNG, Amaiur e ERC
photo_camera Deputad@s de BNG, Amaiur e ERC

Non é un tema de agrado para as formacións políticas españolas. Mais van ter que escoitalo. Malia ser rexeitada en máis dunha ocasión pola mesa do Congreso español, unha proposta sobre o dereito democrático das nacións do Estado español a decidir sobre o seu futuro chega a esta cámara. Faino en forma de proposición non de lei e tras o veto reiterado pola mesa da Cámara española a permitir a súa tramitación como lei. “Inconstitucional”, alegaron desde a mesa.

Será a vindeira terza feira, 8 de outubro, e será grazas á colaboración entre BNG, Amaiur e ERC. As tres formacións elaboraron unha proposta conxunta na que se fixan "legalmente as bases do proceso para a transición" cara á independencia das nacións que así o decidiren nun exercicio democrático e popular. 

Non todo o democrático é constitucional. Non todo o constitucional é democrático

Estas tres organizacións exixirán ao Congreso "traspor ao ordenamento xurídico español" o dereito á libre determinación dos pobos recoñecido polo Dereito internacional e diversos Tratados ratificados polo Estado español. Desta maneira, garantir que Euskal Herria, Catalunya e Galiza sexan recoñecidas e respectadas como nacións soberanas xunto con aqueles territorios "que así o definan no seu Estatuto" ou acorden no Parlamento. 

Aliás, a proposición non de lei insta ao executivo español a "recoñecer e respectar a convocatoria e o exercicio" dun referendo de autodeterminación nacional "sobre a constitución dun Estado independente".

Comentarios