Carme da Silva, perante as ameazas

“As dereitas teñen claro que o BNG é o inimigo político”

De mafia, de esbirros de Ence e de distintas dereitas que operan na Galiza. Así cualificou Came da Silva, cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra, o sector do que proceden as novas ameazas que vén de recibir.

Pintada Carme 21-19-04-16--3000 px
photo_camera [Imaxe: SG] Carme da Silva, no centro, con Anabel Gulías e Demetrio Xunqueira, compañeiros no goberno local

“A mafia, os esbirros de Ence e as dereitas que operan na Galiza, chamen como se chamen, coas súas representacións variadas, teñen claro que o BNG é o inimigo político e non queren que o BNG teña representación nas Cortes do Estado”. Con estas palabras iniciaba Carme da Silva, a candidata número un do Bloque ao Congreso por Pontevedra a súa reacción pública ás novas pintadas ameazantes que apareceron nunha fachada próxima á súa vivenda.

O 24 de marzo Da Silva espertaba coas primeiras ameazas. Foi ao pouco de ser facer pública a súa candidatura ás Cortes Xerais do Estado, “e agora aparecen as segundas, unha vez iniciada a campaña electoral e dirixidas contra min e contra o BNG”, sinalou, en declaracións aos medios.

A candidata nacionalista asegurou que as ameazas non a “engurran” e expresou que “Galiza ten que ter unha presenza forte nas Cortes porque o BNG garante que comportamentos como este paren”. “Pensan que poden facer o que lles dea a gana, mais os comportamentos mafiosos e ameazantes nunca pararon o BNG nin o van parar”, expresou.

Na mesma liña, Da Silva puxo de manifesto que as ameazas contra a súa persoa fan “coller máis forza e seguir traballando para o que resta da campaña”.

Actuación da Fiscalía

Por outra banda, a tamén tenente de alcalde de Pontevedra esixiu que se aclare a autoría das diversas pintadas ameazantes, “as autoridades non poden pasar por riba destas cousas sen actuar”. Así, considera que a Fiscalía debe actuar de oficio xa que as pintadas se atopan na vía pública.

Concluíu as súas declaracións insistindo en que a forma de parar as ameazas “é encher as urnas de votos para que estean as dereitas fóra do Congreso”.

Comentarios