Pedro Puy, "estábel e con bo prognóstico" após sufrir un infarto no Parlamento

O deputado e portavoz do grupo popular tivo que ser trasladado na quinta feira en ambulancia ao Hospital Clínico de Compostela, onde prosegue a súa recuperación.
O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, esta quinta feira, na Cámara galega. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, esta quinta feira, na Cámara galega xunto a Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, permanece ingresado na unidade de coronarias da UCI do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, onde se mantén "estábel" e con "bo prognóstico". Así o confirmou esta sexta feira o líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, nunha entrevista con RNE.

En concreto, Núñez Feixoo sinalou que tivo a oportunidade de falar coa muller de Puy e cos médicos, e incidiu en que se atopa estábel na UCI, cun prognóstico bo. Tamén indicou que lle puxeron dous stent endopróteses vasculares de arteria coronaria—.

Feixoo subliñou que foi unha "sorte" que a indisposición a sufrise no Parlamento, onde se actuou con rapidez. "Esperemos que se coide un pouco máis no futuro", desexou o dirixente popular.

Abandono do pleno

Na quinta feira Puy realizou a súa primeira intervención no marco da última sesión do pleno de investidura de Alfonso Rueda e anunciou que se sentía indisposto, retirándose do hemiciclo.

Pouco despois foi trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico, onde agora se recupera. Xa elixido presidente da Xunta na Cámara galega, Rueda informou en redes sociais de que tivera a oportunidade de visitar Puy, ao que trasladou "toda" a súa forza para "unha pronta recuperación".

Coordinación do grupo popular

Durante a ausencia de Puy, que terá que recuperarse durante un tempo determinado, e á espera de posíbeis mudanzas que se poidan producir no grupo do PP nos próximos días, o peso da coordinación dos populares na Cámara galega asumirano as viceportavoces Paula Prado e Elena Candia, segundo fontes consultadas por Europa Press.

O até o de agora secretario xeral do PPdeG e responsábel de Organización en Xénova, Miguel Tellado, continúa tamén como viceportavoz, mais os populares xa avanzaron que, do mesmo modo que o propio Feixoo, marchará como senador por designación do Parlamento da Galiza. Porén, até que dimita seguirá compaxinando as funcións.

Está previsto que na segunda feira decorra a habitual reunión do grupo, previa á Xunta de Portavoces para preparar o pleno, que a semana próxima, debido ao festivo das Letras Galegas, decorrerá na cuarta feira.

Comentarios