Un deputado de AGE demite ao aceptar un traballo en Dinamarca

O parlamentar pola circunscrición de Ourense, de Anova, aceptou un contrato de investigación en Dinamarca que, di, supón "unha grande oportunidade" profesional para el. Iolanda Pérez Docampo será quen tome posesión do escano segundo informou Anova.

David Fernández Calviño deixará a finais de outubro o Parlamento após aceptar un contrato de investigación na Universidade de Copenhage, segundo comunicou a través dunha misiva á militancia de Anova.

O deputado por Ourense asegura que a decisión supón "unha grande oportunidade" para el e que, en realidade, nunca quixo "ser un político profesional". Así o recolle Galicia Confidencial facéndose eco da carta enviada polo parlamentar.

Así mesmo, Fernández Calviño afirma que permanecer máis tempo afastado do terreo científico complicaría máis a súa volta á investigación. 

A militante de Esquerda Unida, Carme Iglesias Sueiro, sucede a David Fernández na orde estabelecida na listaxe electoral da coligación en Ourense. Porén, e segundo recolle Europa Press, a formación manterá o equilibrio na representación das forzas que a integran e será Iolanda Pérez Docampo quen tome posesión do escano. 

Comentarios