O deputado Calviño, a dúas horas de... onde?

Sostén o líder de AGE, Xosé Manuel Beiras, que Dinamarca "está en Europa". E é verdade. Porén, o que non é verdade é que o novo lugar de traballo de David Fernández Calviño fique "a un par de horas de distancia de calquera punto". En chegar até a capital galega tardaría, polo menos, 5h.

David Fernández na tribuna de Convidad@s após ser expulsado do hemiciclo
photo_camera Calviño, na tribuna de convidad@s [SG]


Após aceptar un posto de traballo como investigador en Copenhague, o membro de AGE David Fernández Calviño (Anova) transladouse á capital dinamarquesa na sexta feira 8 de novembro. Canda el levou dúas actas: a de concelleiro en Toén, obtida cando militaba no BNG, e a de deputado no Parlamento galego.

Porén, o líder da coligación Anova-EU, Xosé Manuel Beiras, defendeu que Calviño desenvolva a súa actividade parlamentar aínda residindo fóra do País por dúas razóns: que Dinamarca "está en Europa, dentro da Unión Europea" e que "calquera punto está a un par de horas de distancia" da súa capital.

Após Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, confirmar nunha entrevista en Irmandade.tv que o seu compañeiro de filas asistiría ao pleno da vindeira semana na Cámara galega, Sermos Galiza revisou as conexións entre Copenhague e as principais cidades da contorna e vémonos na obriga de lle quitar a razón a Beiras: Fernández Calviño tardaría polo menos 5h en chegar á Galiza.

Partindo da premisa de que o aínda deputado (e concelleiro) quererá aproveitar ben o tempo e que o pleno será na terza feira día 12, empregamos o buscador de voos Skyscanner para atopar os voos máis económicos que están dispoñíbeis para a segunda feira día 11 e eis aquí o que atopamos:
 

  • Por Bruxelas => Brussels Airlines ofrece un voo que sae da capital dinamarquesa ás 10.55h e chega á belga ás 12.25h. En total, 1h e 30' de traxecto por 296€ e despois aínda tería que se transladar á Galiza. Para isto, un avión de Vueling cuxo billete custa 139€ sae de Bruxelas ás 15.10h e, após facer escala en Barcelona, aterraría en Compostela ás 21.40h. Serían outras 6h e 30' de viaxe. Por tanto, de Copenhague a Compostela vindo por Bruxelas tardaría, exactamente, 10h e 45' (8h en avións e 2h45' en transbordos).
     
  • Por París => AirFrance dispoñibiliza un voo que sae da capital dinamarquesa ás 06.55h e chega á francesa (aeroporto de Charles de Gaulle) ás 09.00h. En total, 2h e 5' por un prezo de 449€. Para chegar á Galiza tería que se desprazar até o outro aeroporto parisino, o de Orly, e alí tomar un voo de Vueling con hora de saída fixada para as 17.30h que aterraría en Lavacolla ás 21.40h após facer escala en Barcelona. O traxecto duraría 4h e 10' e custaría 149€. Por tanto, de Copenhague a Compostela vindo por París tardaría, exactamente, 14h e 45' (6h15' en avións e 8h30' en transbordos)
     
  • Por Berlín => Un aparello de EasyJet que custa 68€ despega da capital dinamarquesa ás 08.50h e aterra na alemá ás 09.55h. En total, 1h e 5'. Para chegar á Galiza tería que tomar o avión de Vueling que sae do aeroporto berlinés ás 15.35h e, após facer escala en Barcelona, chegaría a Compostela ás 21.40h. É dicir, 6h e 5' de voo por 159€. Por tanto, de Copenhague a Compostela vindo por Berlín tardaría, exactamente, 12h e 40' (7h10' en avións e 5h30' en transbordos).
     
  • Por Londres => De se decantar por esta posibilidade, o deputado debería tomar un voo o domingo á noite. Sae de Dinamarca ás 21.30h e chega ao aeroporto londinense de Stansted ás 22.20h: 1h e 50' por 94€. Do mesmo lugar despega ao día seguinte (07.00h) un aparello de Ryanair que o deixaría en Compostela ás 10.15h, após pagar os 78€ do billete. Cunha duración total de 13h e 25' (4h5' en avións e 9h20' en transbordos) e un custo total de 172€, é a opción máis barata de cumprir co compromiso de asistir ao pleno da terza feira. Porén, non é a máis rápida.
     
  • Por Madrid => Iberia dispoñibiliza un voo que sae da capital dinamarquesa ás 15.35h e aterra na española ás 18.55h, 3h e 20' de viaxe por 121€. Para chegar á Galiza tería dúas opcións: seguir con Iberia, saíndo ás 20h e aterrando en Compostela ás 21h 15' (99€) ou optar por un billete máis económico, de 64€, coa compañía de baixo custo Ryanair que sairía de Madrid ás 20.35h e chegaría ás 21.50h. En ambos os casos o traxecto tería unha duración estimada de 1h e 15' polo que, en total, o deputado pasaría 4h e 35' en avións e 55' ou 1h25' en transbordos se decidise vir por España. 
     
  • Por Barcelona => Tamén aquí hai dúas opcións. A liña aérea de baixo custe Vueling ofrece a primeira e Iberia a segunda: os avións despegan á mesma hora (16h) e aterran á mesma hora (18.50h). A duración do traxecto tamén é a mesma: 2h e 50'. Muda o prezo: 161€ no primeiro caso e 201€ no segundo. Estaría a tempo de viaxar até Compostela continuando con Vueling: sairía ás 19.55h e chegaría a Lavacolla ás 21.40h: 1h e 45' de viaxe por 72€. O traxecto total vindo por Catalunya duraría 5h e 40' (4h35' en avións e 1h5' en transbordos). Sería esta a opción máis rápida, cunha diferencia de prezo de 61€ a respeito da posibilidade máis económica, a de Londres.
     
  • Por Porto => Malia que consultamos a opción de viaxar até o aeroporto de Sá Carneiro e de alí a Compostela, descartamos tal posibilidade. A compañía que ofrece o voo até a cidade portuguesa é TAP-Portugal: faría escala en Lisboa e o voo, que custaría 289€ como mínimo, demoraría 9h e 5'. A conexión con Compostela tería escala en Madrid.

Comentarios