Política

As deputadas do BNG na Galiza e Madrid renuncian a parte do seu soldo para a loita contra a COVID-19

As deputadas do BNG tanto no Parlamento da Galiza como no Congreso renunciarán a parte dos seus ingresos para os dedicar á loita contra o coronavirus. 
Grupo BNG no Parlamento
photo_camera Grupo BNG no Parlamento

As deputadas do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento da Galiza e o seu deputado no Congreso decidiron renunciar a parte dos seus ingresos para os dedicar á loita contra o coronavirus. 

Así, o grupo parlamentar do BNG formado pola portavoz Ana Pontón e as deputadas Olalla Rodil, Monste Prado, Noa Presas, Xosé Luis Rivas 'Mini' e Luís Bará doará parte do seu salario correspondente ao mes de marzo a proxectos de investigación contra a pandemia do COVID-19.

Néstor Rego, representante nacionalista en Madrid, onde ficou ao activarse o estado de alarma, prescindirá de parte do seu salario deixando na Mesa do Congreso a decisión de "canto e como" se recortan das súa asiganación as deputadas "para que o esforzo sexa xeral e solidario". "Non sería lóxico que en canto uns contribúen, outros e outras (imaxinemos os que saquearon e privatizaron a sanidade pública, coas consecuencias que isto ten) non o fixesen", explican desde o BNG.

Ana Pontón deu conta da iniciativa do grupo parlamentar galego este sábado a través do seu perfil da rede social Twitter, na que destaca que os nacionalistas queren "achegar o seu gran de area" con esta iniciativa.

"Nesta crise do #COVID19 son moitas as mostras de solidariedade que nos emocionaron. Os e as deputadas do @obloque queremos achegar o noso gran de area, por iso decidimos doar unha parte do noso salario do mes de marzo a proxectos de investigación sanitaria fronte a esta pandemia", sinala.

Pontón asegura que se trata de "só un xesto", "unha pequena achega que para nada substitúe o papel que teñen que ter os Gobernos". "Se algo aprendemos nestes días é que apoiar a ciencia e a investigación pública é clave se queremos estar mellor preparadas no futuro", indica.

A líder do BNG afirma que non se sairá desta crise "con rebaixas de salarios dos e das traballadoras, nin debilitando ao público". "Hai recursos para enfrontar o desafío que vén; que a banca devolva os 60.000 millóns de euros do rescate, rebaixar o gasto militar ou subir impostos ás grandes fortunas", sostén.

A portavoz nacional do BNG fixo unha mención especial a Noa Presas e a Xosé Luís Rivas, 'Mini', quen "a pesar de que a partir do 5 de abril deixan de ter remuneración, fan igual a súa achega" no que considera "unha mostra de solidariedade e compromiso coa sociedade".

"Rodearse de boa xente é clave na vida e na política", finaliza Pontón nunha publicación na que cita a todas as que foron deputadas da formación nacionalista na última lexislatura.

Comentarios