mércores 20/01/21

A deputada Paula Vázquez Verao reclama a restitución "plena" do Parlamento

Cerna recolle nun comunicado a iniciativa da deputada do Grupo Mixto e lembra que o Goberno galego "foi restituído" tras repoñer o presidente da Xunta altos cargos cesados para concorrer polo PP nos comicios.
A deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao (Imaxe: Europa Press)
A deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao (Imaxe: Europa Press)

Un escrito dirixido hoxe á Mesa do Parlamento Galego pola deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao, e difundido nun comunicado por Cerna, insta ao organismo a restitución "plena" da Cámara galega.

Vázqez Verao apuntou que a resolución da Xunta Electoral acerca dos vindeiros comicios galegos indica que non se trata dunha suspensión temporal do proceso, senón que o presidente tería que proceder a unha nova convocatoria.

Os servizos xurídicos da Cámara galega, segundo lembra Verao, ditaminaron nun informe que no actual período na Deputación Permanente, o órgano de garda após a disolución do Parlamento, pódense "admitir determinadas iniciativas", se ben non pode asumir as funcións de "Parlamento sen Parlamento".

No documento achegado á Mesa do Parlamento, a deputada argumenta que a anulación do proceso electoral aprobada pola Xunta Electoral debera ter suposto a anulación da disolución do Parlamento. Cerna cualifica de "fraude democrática" o "privar á cidadanía da súa institución representativa por tan amplo período de tempo".  

A organización recorda que o Goberno galego "foi restituído", repoñendo o presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feixoo, aos altos cargos que foran previamente cesados para concorrer polas listas do Partido Popular aos comicios.

Así, Vázquez Verao esixiu a mesa que se considere que debe ser “restituída” a Cámara galega, axeitando as sesións e traballos da mesma á emerxencia sanitaria así como ver restituída a súa capacidade a presentar iniciativas.

comentarios