Deputación de Pontevedra denuncia graves ameazas, coroa mortuoria incluída, contra os deputados nacionalistas

O vicepresidente, César Mosquera, insta o PP a “parar esta tolería”. Afirma que o Parque de Maquinaria actúaba como o "brazo armado" dos populares da presidencia de Louzán.

BNG caciques
photo_camera Imaxe: Deputación de Pontevedra

As pintadas e ameazas contra os deputados do BNG ou algúns funcionarios que se levan producindo nas últimas semanas no marco do conflito no Parque de Maquinaria da Deputación de Pontevedra deron paso ao que a entidade provincial cualifica de "prácticas mafiosas". Refírense ao unha coroa mortuoria dirixida ao deputado responsábel de Mobilidade, Uxío Benítez, cunha cinta que puña: "Uxío, non te deixaremos en paz".  A coroa deixouse perto da casa do concello de Tomiño, municipio do que é edil Uxío Benítez. O propio deputado denunciou os feitos ante as autoridades.

En Vilagarcía, Bueu ou Moraña, entre outros concellos, apareceron pintadas, acusando de ditadores e caciques o BNG e os deputados César Mosquera e Uxío Benítez. Acúsanos de querer privatizar o Parque de Maquinaria. O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, volveu insistir en que "non se tomou ningunha medida" que prexudique os traballadores do parque (que agora fan parte do servizo provincial de Infraestruturas) e negou que se pretenda privatizar o parque porque "aínda que quixéramos, que non é así, non o poderíamos facer". 

Mosquera responsabiliza desta campaña de acoso contra o goberno provincial ao PP, ao que instou a dar orde de "parar esta tolería".

PP responsábel

"O único responsable de rebentar os plenos e de todas estas pintadas é o PP", reiterou o portavoz nacionalista, que mantén que estamos perante un conflito que non é laboral, senón político. Unha afirmación que basea, afirma, en que o Parque de Maquinaria era o "brazo armado" do PP, dependendo directamente do ex presidente Rafael Louzán e do seu xefe de gabinete, Martín Serantes, para "satisfacer os seus intereses partidarios".

Comentarios