Deben os deputados provinciais ser elixidos por sufraxio directo?

A Deputación de Ourense aproba por unanimidade unha moción que busca "corrixir o déficit demográfico do actual sistema indirecto".
Pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Europa Press)

A Deputación de Ourense vén de aprobar por unanimidade unha moción presentada polo PSdeG-PSOE, no pleno ordinario do mes de xaneiro, na que os socialistas piden modificar a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral e instar o Goberno español, o Parlamento da Galiza e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) a "fortalecer a representatividade democrática nas deputacións".

En concreto, o PSdeG exixía a elección directa dos integrantes das corporacións provinciais argumentando que "é unha débeda que ten este país" para "corrixir o déficit demográfico do actual sistema indirecto". Apoiaron esta demanda todos os membros de PP, Democracia Ourensá, BNG e a deputada non adscrita Montse Lama —no seu día militante de Ciudadanos—.

A moción aprobada reclama ao Goberno estatal unha iniciativa lexislativa para reformar a Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeral, e "de todas as lexislacións que sexa necesario para aprobar esta elección directa ás corporacións provinciais".

Tamén pide á Cámara galega que demande ao Executivo a adopción dun proxecto de lei ou remita ao Congreso unha proposición de lei sobre esta reforma e, por último, insta a FEMP a "promover os cambios que sexan necesarios".

"Debemos ser representantes directos da vontade popular. Que nos poidan elixir para que poidamos render contas", proclamou o portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, quen asegurou que o cambio normativo "é necesario" para que as institucións "se democraticen e sexan máis transparentes" porque, denunciou, "co actual sistema a vontade dos partidos superponse sobre a vontade da cidadanía".

Nesta mesma liña, o deputado insistiu en que desde a bancada socialista agardan que as deputacións "deixen de ser espazos rexidos por acordos caciquís e rémoras decimonónicas".

A moción foi aprobada por unanimidade e o Partido Popular, á fronte do organismo provincial, celebrou a "benvida a unha reivindicación do presidente, Manuel Baltar, que xa o pedía en 2012". Pola súa parte, o BNG advertiu: "Todos estamos de acordo, pero os únicos que non están de acordo son quen deben decidilo".

Comentarios